Nova: Pesar polo pasamento do pintor e escultor Luis Caruncho

08/10/2016

Pesar polo pasamento do pintor e escultor Luis Caruncho

Foi un referente da arte galega contemporánea e un dos artistas que recuperou a innovación e a vangarda en España a finais dos anos 50

  • O presidente da Xunta en funcións con Luis Caruncho na entrega do Premio Laxeiro 2012 O presidente da Xunta en funcións con Luis Caruncho na entrega do Premio Laxeiro 2012

Santiago, 8 de outubro de 2016.- A Xunta de Galicia expresa o seu profundo pésame polo pasamento de Luis Caruncho (A Coruña, 1929), un dos máis ilustres artistas galegos contemporáneos, que finou onte en Madrid aos 87 anos de idade.

Medalla Castelao polo seu labor como pintor e escultor de proxección internacional, Caruncho foi considerado un dos artistas que recuperaron a innovación e a vangarda da arte en España a finais dos anos 50. Ademais, a súa pintura abstracta -na que se conxuga xeometría e sentido lúdico- é unha referencia da arte galega contemporánea.

Precisamente este verán, a obra de Luis Caruncho foi protagonista dunha mostra colectiva na Casa da Parra impulsada pola Consellería de Cultura e Educación. Unha década antes, en 2004, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acollera unha exposición antolóxica do artista coruñés. A súa obra tamén está representada en importantes coleccións como a de Afundación, a do Palacio de la Zarzuela (Madrid), a do Centro de Arte Reina Sofía (Madrid); a do Museo da Fundación Pilar e Joan Miró (Palma de Mallorca) ou a do mencionado CGAC en Santiago de Compostela), entre outras.

Ademais de recibir a Medalla Castelao, tamén foi nomeado membro de honra da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, e recibiu a Medalla de Artes Plásticas de Madrid e o Premio Nacional de Cultura.
 

Comparte