Nova: O Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura expórtase a Arxentina

08/10/2016

O Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura expórtase a Arxentina

Este formato de encontro para apoiar a artistas emerxentes, que se celebra no Gaiás desde o ano 2011, expórtase agora á cidade arxentina de Córdoba

Quince artistas españois, como mínimo tres galegos, serán bolseiros polo Ministerio de Cultura de Arxentina para participar

Aberta a convocatoria para optar a unha destas bolsas, que cubrirán os gastos da viaxe, aloxamento, comida e o propio curso
 

Santiago de Compostela, 8 de outubro 2016.- A Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, e o Goberno de Arxentina levarán á cidade austral de Córdoba o Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia’, un evento destinado á promoción dos artistas emerxentes que se creou no Gaiás no ano 2011, onde o pasado mes de setembro cumpriu a súa sexta edición, consolidándose como unha das citas de referencia na axenda cultural de España.

Grazas a esta colaboración, a cidade arxentina de Córdoba acollerá do 5 ao 9 de decembro a 30 artistas: a metade españois e outra metade arxentinos. O Ministerio de Cultura do Goberno de Arxentina oferta 30 bolsas, que para os 15 artistas procedentes de España, cubrirán os gastos da viaxe, aloxamento, comidas e o propio curso. A partir de hoxe e ate ás 19 horas do luns 24 de outubro, os interesados en participar poderán presentar a súa candidatura. As bases da convocatoria, con toda a información e as condicións para participar, están xa dispoñibles e poden descargarse na web www.cidadedacultura.gal.

A esta alianza entre o Goberno galego e o arxentino súmase a colaboración do Goberno de España, a través de Cooperación Española, e tamén da Municipalidade de Córdoba, institucións que contribúen ofrecendo as instalacións do Centro Cultural España Córdoba, espazo onde se desenvolverá o Encontro.

O Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia – Arxentina’ abrirá un espazo para a convivencia, o debate e o intercambio de ideas entre artistas emerxentes. Os participantes disporán da oportunidade de compartir a experiencia de creadores xa consolidades e atoparán unha plataforma para dar a coñecer os seus proxectos a través da actividade Foro Aberto, onde cada un dos inscritos poderá presentar un traballo persoal.

Será Rafael Doctor, director de todas as edicións do EAN celebradas en Santiago, o encargado de coordinar, xunto coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, a edición de Córdoba. Xunto a Doctor, o programa inclúe a participación de dúas artistas galegas: Ruth Montiel (Palmeira, A Coruña, 1977) e Carla Andrade (Vigo, 1973).

A celebración do Encontro en Arxentina supón estender en América Latina esta fórmula de encontros de artistas emerxentes nacida en Santiago de Compostela. A primeira experiencia tivo lugar o ano pasado cando a Xunta levou o Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia’ a Uruguay. Posteriormente, tamén a cidade española de Segovia sumouse.

A cooperación con Arxentina enmárcase nunha liña de actuación da Xunta, a través da súa Consellería de Cultura, que ten como obxectivo dar a coñecer e pór en valor a cultura e os creadores galegos en América Latina. Neste meta, a Cidade da Cultura está a cumprir un papel fundamental con proxectos como a exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’ que, despois da súa estrea no Museo Centro Gaiás e de pasar pola sede do Instituto Cervantes en Madrid, chegará a Bos Aires, onde se poderá visitar a partir do 18 de outubro no Centro Cultural Borges. A mostra viaxará posteriormente a Montevideo, seguindo as cidades que marcaron o periplo vital do xenial fotógrafo de Allariz.
 

Comparte