Nova: O Festival Vertixe Sonora ofrecerá sete estreas mundiais

10/10/2016

O Festival Vertixe Sonora ofrecerá sete estreas mundiais

Agadic subvenciona este  encontro arrancará o 13 de outubro e desenvolverá en Pontevedra e en Vigo un programa de nove concertos e actividades paralelas de divulgación arredor da creación musical contemporánea

A cuarta entrega do certame amplía a dúas as cidades, na procura de novas audiencias
 

Santiago, 10 de outubro de 2016.- O Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea ‘Vertixe Sonora’ inicia a partir deste xoves día 13 a súa cuarta edición, na que Pontevedra se suma a Vigo como sede dos concertos e actividades paralelas que se estenderán ata o 11 de decembro. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa organización do evento, o último no calendario dos 13 festivais profesionais de música subvencionados este ano pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Sete estreas mundiais e a presenza de artistas de referencia neste ámbito musical destacan na súa carteleira de 2016, que ofrece un total de nove concertos. O obxectivo é servir de plataforma para a difusión da actualidade sonora neste ámbito e a creación de públicos para a música contemporánea, apostando polo diálogo co resto das artes. Con esta programación péchase, ademais, o calendario

Músicas en feminino

Ademais de promover o festival, Vertixe Sonora Ensemble protagonizará a primeira das propostas o día 13, ás 20.30 h, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Baixo o título ‘Coma espellos dun caleidoscopio’, o festival achegarase ás músicas en feminino a través dun programa comisariado por Elena Rykova, que presentará cinco compositoras e artistas sonoras de diferentes países, ademais de contar coa colaboración da poetisa María do Cebreiro. Xa o 3 de novembro, a formación galega estreará varias pezas do compositor brasileiro Januibe Tejera.

O IV Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea será, así mesmo, o escenario da presentación en España o 28 de outubro do dúo de viola e acordeón Desjardins-Anzelloti, referencia mundial na interpretación destes instrumentos, así como do Kammarensemblen – KeN de Suecia (5 de novembro), do Oh Ton Ensemble de Alemaña (12 de novembro) e o Proyecto OCNOS de Sevilla (27 de novembro).

A programación tamén lle dedica espazo á ciencia, recreando o instrumento de síntese acústica do físico Rudolph Koenig mediante unha colaboración en exclusiva co Institut für Technikgeschichte da Universidade Técnica de Darmstadt para a estrea absoluta, o 11 de decembrro a cargo de Vertixe Sonora Ensamble, de ‘Droit sur les cloches’, de Eduardo Moguillansky. Esta mesma formación conmemorará o 19 de novembro o segundo centenario da erupción do volcán Tambora, que deu lugar ao denominado ‘ano sen verán’, coa estrea de varias pezas.

En paralelo, continuará o labor de divulgación que a organización desenvolve a través dos programas ‘Música por dentro’ e ‘Proxecto Alien’, en colaboración con diversas entidades educativas, e promoverá unha nova edición do Foro Internacional cAuSal xunto co Departamento de Composición do Conservatorio Superior de Música de Vigo e o Grupo de Investigación Dx7 da Universidade de Vigo.

A Axenda de Cultura.gal (www.cultura.gal/gl/axenda) irá dando conta de cada un dos concertos da programacion do festival.
 

Comparte