Nova: AMAL proxecta unha semana de cine euroárabe centrado no papel da muller

11/10/2016

AMAL proxecta unha semana de cine euroárabe centrado no papel da muller

A décimo cuarta Semana de Cine Euroárabe AMAL presenta 11 filmes do 24 ao 29 de outubro no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela
 

Santiago, 11 de outubro de 2016.- AMAL 2016 ofrecerá unha semana de cine euroárabe centrado no papel da muller, con producións de estrea e premiadas en festivais internacionais, que se poderán ver no Auditorio de Abanca en Santiago de Compostela entre os días 24 e 29 de outubro.

A programación da décimo cuarta edición –que foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo presidente de la Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim; polo director do Festival Internacional de Cine Euroárabe AMAL, Ghaleb Jaber Martínez, e polo secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo– inclúe un total de 11 filmes do cine árabe actual cos que lle achegar aquela cultura ao público galego, un cartel do que Anxo Lorenzo destacou “o seu interese e calidade, cunha oferta plural e variada que nos amosa a realidade social e política do mundo árabe, e á resulta difícil acceder a través das salas comercias”.

Nese sentido, o secretario xeral puxo en valor o papel de AMAL a prol do intercambio, do coñecemento mutuo e da tolerancia, co cine como linguaxe universal para favorecer a construción de pontes de diálogo e de entendemento entre culturas, ao tempo que enmarcou a Semana de Cine Euroábea nun trimestre da axenda cultural galega cun destacado protagonismo de programación de referencia no ámbito do audiovisual.

O papel da muller nas súas diversas facetas –muller loitadora, traballadora, nai– na sociedade musulmá, e tamén na sociedade europea, centra a práctica totalidade das películas, dirixidas moitas delas tamén por mulleres e máis da metade, financiadas por proxectos de crowfunding.

Sesión inaugural co cineasta palestino Basil Khalil

A inauguración do festival será o luns 24 de outubro ás 20:30 horas, coa proxección do filme ‘Ave María’ –de acceso gratuíto, previa retirada de entrada no despacho de billetes do Auditorio Abanca–, unha curtametraxe documental dirixida por Basil Khalil. O cineasta palestino, que asistirá ao acto de apertura xunto co guionista da cinta Daniel Yáñez, ofrecerá unha charla-coloquio pra comentar co público o tema da produción, presentada na 68ª edición do Festival de Cannes e nomeada para os Oscar á mellor curtametraxe.

As proxeccións poderanse ver ao longo da semana no Auditorio Abanca, cun primeiro pase ás 20:00 horas, cun custo de dous euros, e outro ás 22:00 horas, cun custo de tres euros), agás a proxección da última xornada, o sábado 29 de outubro, que será ás 12:00 horas e se poderá ver gratuitamente. Trátase do traballo ‘A viaxe de Ghada’, realizada por alumnos e alumnas do CEP Ventín de Milladoiro, en Ames.

Outros títulos destacables da programación son ’10 años y divorciada’, unha historia autobiográfica da directora de cine Yemení Khadijah Al-Salami; ‘Barakah meets Barakah’, a primeira comedia romántica de Arabia Saudita; ‘3.000 noches’, unha historia de maternidade na máis extrema das circunstancias dirixida por la directora palestina Mai Masri; e ‘Las aventuras del Príncipe Achmed’, conto animado alemán de 1926 da directora Lotte Reiniger, que será musicalizado en directo polo grupo vigués Caspervek Trío.

Promovido pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, AMAL preséntase este ano baixo o lema ‘Ama, loita, soña, AMAL’, inspirado nas palabras de Víctor Hugo na súa obra emblemática ‘Os miserables’, e coa imaxe “Zaga Mahmoud”, unha fotografía de Muhammed Muheisen, fotógrafo da axencia Associated Press, que reflicte unha nena siria refuxiada, da cidade de Deir o-Zour.

Comparte