Nova: O CGAI afonda na filmografía do estadounidense Bruce Baillie como impulsor da vangarda norteamericana
12/10/2016
O CGAI afonda na filmografía do estadounidense Bruce Baillie como impulsor da vangarda norteamericana
Haberá un ciclo que se desenvolverá o xoves 13, o venres 14 e o martes 18 arredor de catro sesións especiais, e incidirá na faceta documental de fitas consideradas obras mestras, como ‘Castro Street’ e ‘Quick Billy’
As dúas primeiras xornadas dedicadas ao fundador da San Francisco Cinematheque serán presentadas na sede da filmoteca galega pola especialista Garbiñe Ortega, comisaria deste programa
A Coruña, 12 de outubro de 2016.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia o xoves 13 o programa especial ‘All My Life: O cine de Bruce Baillie’, que se estenderá ao venres 14 e ao martes 18 para ofrecer unha escolma da filmografía deste realizador e distribuidor estadounidense, considerado un dos referentes do cinema de vangarda do seu país.
Garbiñe Ortega, especialista en cine experimental e non-ficción, é a comisaria deste ciclo que, ademais de recoñecer o legado de Baillie como artista, incidirá tamén no seu labor como distribuidor e impulsor dos cineastas de vangarda tanto desde a súa compañía Canyon Cinema como desde a San Francisco Cinematheca, das que é membro fundador.
Ortega será a encargada de presentarlle ao público esta selección nas tres primeiras sesións, de entrada libre, que terán lugar na sede da filmoteca galega mañá, ás 20.30 h, e o venres, ás 18.00 e ás 20.30 h, baixo os seguintes títulos xenéricos: ‘Por que sacar a cámara?’, ‘Buscando heroes’ e ‘Paisaxe (interior) americana’, respectivamente.
Correspondencia con Stan Brakhage
O ciclo rematará o martes 18, cun pase programado para as 20.30 h, que incidirá na correspondencia postal e fílmica que o realizador mantivo dirante máis de cinco décadas co seu amigo Stan Brakhage, unha das figuras máis destacadas do cinema experimental do século XX a quen o CGAI lle está a dedicar unha ampla retrospectiva dentro da súa sección Desencadres. Esta última sesión incluirá ‘Castro Street’ (1966), filme seleccionado para ser preservado polo National Film Registry dos Estados Unidos e considerado unha das obras mestras de Baillie xunto a ‘Quick Billy’ (1970).
Serán un total de 19 as fitas do cineasta norteamericano que proxectará o CGAI. A través desta escolma, incidirase tamén na dimensión non-ficcional da súa obra. De feito, os aspectos documentais das súas devanditas ‘Castro Street’ e ‘Quick Billy’ non teñen sido abondo destacados fronte a outros aspectos da súa filmografía como a súa fusión entre o místico e o mundano, o cósmico e o persoal, a mitoloxía e a autobiografía.
A relación completa dos filmes exhibidos, así como a información sobre os horarios e a billeteira, pode consultarse no web www.cgai.gal.