Nova: O Gaiás celebra un Magosto de medo con contos de Raquel Queizás
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
13/10/2016
O Gaiás celebra un Magosto de medo con contos de Raquel Queizás
O Museo Centro Gaiás acolle o 5 de novembro, a partir das 18 horas, unha sesión de contos relacionados co Samaín, a noite de Defuntos ou a Santa Compaña
A entrada é de balde previa inscrición en cidadedacultura.gal
Santiago, 13 de outubro de 2016.- O vindeiro 5 de novembro o Gaiás celebra un magosto familiar cos contos da narradora Raquel Queizás.
A partir das 18 horas, o Museo Centro Gaiás acollerá ‘Un magosto de Medo’, no que os participantes aprenderán a elaborar o tradicional rosario de zonchos, o colar de castañas asadas típico do Día de Defuntos. E antes de comezar coa contada, nenos e maiores tiznarán a cara tal e como manda a tradición dos magostos.
Unha vez ambientados para a ocasión, a narradora Raquel Queizás descubriralles aos participantes contos tradicionais, lendas de cada recuncho do país, adaptacións de contos de autor e historias propias nas que todos serán protagonistas. O outono, o Samaín, a noite de Defuntos, a Santa Compaña ou os magostos centrarán esta contada de medo.
‘Un Magosto de Medo’ conta cun total de 200 prazas e para participar só é preciso inscribirse de balde en cidadedacultura.gal.