Nova: O Focus Galiciantunes bota a andar cun concerto de Leilía, Os d'Abaixo e Susana Seivane

15/10/2016

O Focus Galiciantunes bota a andar cun concerto de Leilía, Os d'Abaixo e Susana Seivane

A Sala Capitol acolle mañá, a partir das 22.00 horas, o evento, de entrada libre, co que dará comezo esta iniciativa de difusión da música galega á que están convidados os representantes de 28 festivais de referencia internacional

O programa continuará o luns no Salnés con ‘showcases’ de Faltriqueira, Pepe Vaamonde Grupo e Alberto Conde Human Evolution Project, e o mércores na Coruña con Rosa Cedrón, TRIM, Alejandro Vargas Trío e Sumrrá

A axenda preparada para estes programadores, que viaxan a Galicia desde 21 países nos días previos a Womex, inclúe tamén visitas culturais, gastronómicas e reunións de traballo con institucións e profesionais galegos do sector da música

  • Cartel de Focus GalicianTunes Cartel de Focus GalicianTunes

Santiago, 15 de outubro de 2016.- A Sala Capitol de Santiago será mañá, a partir das 22.00 horas, o escenario das actuacións de Leilía, Os D’Abaixo e Susana Seivane, coas que dará comezo o programa de difusión da música galega Focus GalicianTunes, ao que asistirán os programadores de 28 festivais de referencia internacional. Con este concerto, de entrada libre ata completar a capacidade, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación comparte co público esta iniciativa, que nos días seguintes se estenderá ao Salnés e á Coruña a través dunha axenda xa exclusivamente profesional de ‘showcases’, visitas culturais e reunións de traballo.

Os 28 axentes culturais convidados foron seleccionados entre os principais delegados acreditados este ano no Womex, o meirande mercado da ‘world music’, que se celebrará inmediatamente despois de Focus na Cidade da Cultura de Galicia e na zona monumental de Santiago. O obxectivo é que coñezan de primeira man a nosa riqueza musical, paisaxística e gastronómica, buscando así repetir o éxito da experiencia desenvolvida en 2014 co gallo da anterior edición da World Music Expo en Compostela.

Esta segunda edición de Focus GalicianTunes desenvolverá ata o día 19 un intenso calendario de traballo, para o que se conta tamén coa colaboración dos concellos de Santiago e da Coruña, da Deputación Provincial coruñesa e das bodegas Martín Códax, así como co apoio de Acción Cultural Española (AC/E) a través do Programa de Internacionalización da Cultura Española (PICE) na modalidade de Visitantes.

Dez artistas e grupos en cartel

Xunto coas reunións e as visitas socioculturais, o núcleo deste programa serán as 10 actuacións protagonizadas por outros tantos grupos e artistas galegos. Ademais do devandito concerto na Sala Capitol, Cambados e A Coruña acollerán os ‘showcases’ privados de Faltriqueira, Pepe Vaamonde Grupo, Alberto Conde Human Evolution Project, Rosa Cedrón, Alejandro Vargas Trío, TRIM e Sumrrá.

Este cartel foi seleccionado entre as formacións que enviaron propostas a Womex, co obxectivo de dar conta da calidade, variedade de estilos e potencial internacional dos nosos artistas e grupos, que a Agadic difunde así mesmo a través da súa plataforma GalicianTunes.

Pola súa banda, os programadores participantes representan festivais chave no circuíto de distribución internacional da ‘world music’ en 21 países: ademais de España, Alemaña, Arxentina, Canadá, Chile, China, Corea, Dinamarca, Estados Unidos, Francia, Holanda, India, Irlanda, Italia, Malaisia, Marrocos, Noruega, Polonia, Portugal, Reino Unido e Rusia.

Espectáculo de música e baile

No concerto de mañá, subirán ao escenario da Capitol tres coñecidas formacións dentro da música galega de raíz. Coas súas pandeiretas e voces, as integrantes de Leilía achegaranlles aos asistentes a súa singular aposta pola recuperación da nosa tradición oral. Pola súa banda, Os D’Abaixo convidarán ao público a sumarse ao seu espectáculo de música e baile a partir da reinterpretación de coñecidas pezas populares, mentres que Susana Seivane deixará constancia dunha visión contemporánea da gaita tradicional pola que ten acadado recoñecemento internacional.

Tras este espectáculo, o luns 17 a delegación porá rumbo cara á comarca do Salnés, cunha visita á Illa de Arousa e a Cambados, trala que terá lugar a actuación de Faltriqueira na terraza das bodegas Martín Códax. Xa pola tarde, neste mesmo escenario terán lugar os ‘showcases’ de Pepe Vaamonde Grupo e Alberto Conde Human Evolution Project.

Na terceira xornada de actividade, o martes 18, os programadores viaxarán á Coruña, onde se achegarán á Torre de Hércules e gozarán do concerto de Rosa Cedrón na Sala Nautilus do Aquarium Finisterrae. O seguinte ‘showcase’ correrá a cago de TRIM na Taberna O Cunqueiro, mentres que Alejandro Vargas Trío tocará no Jazz Filloa e Sumrrá no Garufa Club.

Focus GalicianTunes rematará o mércores 19, coincidindo co inicio de Womex en Santiago, cun encontro profesional entre os programadores convidados e os representantes de diferentes empresas musicais galegas que terá lugar ás 11.00 horas na Cidade da Cultura de Galicia.

Comparte