Nova: O creador de El Ministerio del Tiempo ofrecerá unha nova clase maxistral do programa Galicia Profilme

17/10/2016

O creador de El Ministerio del Tiempo ofrecerá unha nova clase maxistral do programa Galicia Profilme

Javier Olivares achegaralles aos asistentes a súa experiencia á fronte desta serie e doutros coñecidos títulos como ‘Isabel’ e ‘Víctor Ros’

A Asociación Galega de Guionistas conta coa colaboración da Agadic na organización desta sesión, que terá lugar o venres en Santiago e para a que se mantén aberto o prazo de inscrición

  • O creador de ‘El Ministerio del Tiempo’ ofrecerá unha nova clase maxistral do programa Galicia Profilme O creador de ‘El Ministerio del Tiempo’ ofrecerá unha nova clase maxistral do programa Galicia Profilme

Santiago, 17 de outubro de 2016.- ‘Tempo de ficción’ é o título da clase maxistral que o guionista e produtor Javier Olivares impartirá o vindeiro venres día 21 en Santiago como nova cita de Galicia ProFilme. A través do seu programa de formación para profesionais do audiovisual galego, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura apoia a Asociación Galega de Guionistas (AGAG) na organización desta actividade gratuíta, para a que o prazo de inscrición se manterá aberto ata o mércores 19.

Javier Olivares achegaralles aos asistentes a súa experiencia como parte do equipo de series de éxito da televisión en España. É creador e guionista de ‘El Ministerio del Tiempo’, na que exerce tamén como ‘showrunner’ e produtor executivo a través da súa produtora, Cliffhanger. Encargouse, ademais, da dirección argumental de ‘Isabel’ e ‘Víctor Ros’, entre outras, onde exerceu así mesmo de xefe de guionistas.

O papel do ‘showrunner’

A sede da Fundación SGAE en Composela acollerá esta clase maxistral, que dará comezo ás 16.30 horas. Nunha primeira parte, o relator explicará como xurdiu o proxecto da serie ‘El ministerio del tiempo’, que creou xunto ao seu irmán Pablo Olivares, falecido en 2014. Falará, a continuación, sobre o ‘showrunner’ como figura indispensable para que os creadores controlen o proceso de produción do seu programa televisivo.

Nunha segunda parte, Olivares explicará como é o proceso de traballo para a posta en marcha dunha serie, co guión como o seu sinal de identidade, así como a procura de novas audiencias na creación de produtos de ficción para televisión.

Os profesionais interesados en asistir a esta nova entrega do programa formativo Galicia ProFilme deben inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo formacion@asociaciongalegadeguionistas.org.

Comparte