Nova: Un simposio analiza as múltiples facetas do intelectual e galeguista Xaime Isla Couto
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
20/10/2016
Un simposio analiza as múltiples facetas do intelectual e galeguista Xaime Isla Couto
As xornadas, que se desenvolven entre hoxe e mañá na Facultade de Filosofía da USC, son “unha oportunidade para reflexionar sobre proxectos fundamentais na construción política, cultural e identitaria de Galicia”, afirmou Anxo Lorenzo
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2016.- O simposio ‘Xaime Isla Couto: raíz e utopía’ achégase ás múltiples facetas e ámbitos de actividade do intelectual e galeguista, ao tempo que constitúe “unha oportunidade para analizar todo un conxunto de proxectos fundamentais na construción política, cultural e identitaria de Galicia”. Así o asegurou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de apertura do congreso, que se desenvolve entre hoxe e mañá venres na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela.
“Estas xornadas que hoxe abrimos –dixo–, igual cá exposición e a actividade que a raíz da celebración do centenario do seu nacemento vimos apoiando desde a Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Isla Couto e con todo un conxunto de institucións, é en certa maneira unha homenaxe, un recoñecemento e mesmo unha reflexión sobre a herdanza que colectivamente recibimos de Xaime Isla”.
Activo impulsor da cultura e da lingua galegas
“Isla Couto participou en boa parte dos movementos e das institucións do século XX dirixidas a favorecer a construción de Galicia dun xeito integral, no sentido amplo da palabra”, destacou Anxo Lorenzo, que se referiu ao intelectual como “alicerce” das fundacións Penzol, Otero Pedrayo e Isla Couto, así como do proxecto de Galicia, ao tempo que salientou “a súa capacidade de vincular empresa e cultura, empresa e lingua, economía e identidade”.
“Todos os aspectos que han ir saíndo nas vindeiras horas, co rigor e a reflexión dos especialistas que van expoñer os seus relatorios neste congreso, son tamén unha valiosa achega para a construción do noso propio presente”, concluíu o secretario xeral na súa intervención durante o acto de apertura, no que tamén participaron o reitor da USC, Juan Viaño; o presidente da Fundación Isla Couto, Manuel Meixide; e o presidente da Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA), Marcelino Agís.
Organizado pola SIFA e pola Fundación Isla Couto, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, da USC e da Editorial Galaxia, o simposio reunirá durante dous días intelectuais, académicos, investigadores e empresarios para analizar polo miúdo o protagonismo de Xaime Isla no galeguismo do século XX como as Mocedades Galeguistas, o Partido Galeguista, a Editorial Galaxia, as loitas pola liturxia en galego e o Partido Popular Galego da Transición Democrática. Tamén abordará o seu labor como intelectual comprometido no campo da economía e como profesor universitario e asesor xurídico da Caixa de Aforros de Vigo, Zeltia, Cementos Oural e dos gremios de conserveiros e madeireiros.
Xaime Isla, no novo número de Grial
Hoxe á tarde, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participará –ás 19:30 horas– no acto de presentación da fotobiografía ‘Xaime Isla Couto: raíz e utopía de Galicia’ e mais do número 207 de Grial. Revista Galega de Cultura, dedicado a Isla Couto. O primeiro dos volumes –editado por Galaxia coa colaboración da Xunta de Galicia– desvela o compromiso vital e a imaxinación creativa de quen foi o grande impulsor da coñecida como Xeración Galaxia, amais de ofrecer como novidade unha presentación ampla da súa vida.
O simposio clausurarase o venres, 21 de outubro, ás 19:00 horas, cunha mesa redonda na que participarán o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o vicesecretario da Real Academia Galega, Andrés Torres Queiruga; o padroeiro da Fundación Isla Couto Alberte Meixide e o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal.