Nova: O Conservatorio Superior de Música de Vigo abre o curso cun concerto do alumnado e da Coral Casablanca
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
20/10/2016
O Conservatorio Superior de Música de Vigo abre o curso cun concerto do alumnado e da Coral Casablanca
É un dos espazos históricos e de referencia na aprendizaxe musical de Galicia do máis alto nivel
Vigo, 20 de outubro de 2016.- O Conservatorio Superior de Música de Vigo celebrou esta tarde o acto de apertura do curso académico 2016/2017 cun concerto que uniu no escenario unha das corais históricas da cidade, a Coral Casablanca, e a orquestra sinfónica dos músicos en formación do centro. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, referiuse ao conservatorio como “un dos espazos históricos e de referencia na aprendizaxe musical en Galicia do máis alto nivel”, así como “un lugar dinámico, creativo, participativo e de descuberta”.
“Neste acto de apertura do curso, no que os representantes das institucións vimos animarvos a toda a comunidade educativa a inicialo con ánimo e con ansia de progresar e de superarse, gustaríame que fose tamén o noso alento para que continuedes nesta liña de compartir música”, dixo o secretario xeral, quen cualificou como “unha riqueza” que a aprendizaxe no conservatorio poida “completarse permanentemente con tempos de escena dialogada con outras entidades, con outros axentes, que obrigan a pensar conxuntamente repertorios, formas de comunicar, de preparar a escena e de seducirnos como públicos”.
Nesta liña, considerou “moi positivo” que se reserve sempre unha parte do traballo “ás experiencias conxuntas con outros músicos, con outros creadores en xeral, con outros formatos e con outras ideas”.
Piar do presente e do futuro da música en Galicia
Tamén tivo palabras de especial recoñecemento ao alumnado en formación, ao que considerou unha parte fundamental do futuro da música en Galicia e da construción cultural do presente. “Animámosvos a que poñades todo o empeño nesta tarefa que é de proveito para vós e para o voso futuro, pero que é, sobre todo, unha riqueza para a cultura en Galicia”, concluíu.