Nova: O artista Fredy Solano gaña o certame de intervención nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura

25/10/2016

O artista Fredy Solano gaña o certame de intervención nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura

‘A través dun horizonte sen corpo’ é o proxecto gañador da da IV Convocatoria de Intervencións Artísticas convocada entre os participantes do último Encontro de Artistas Novos

A peza de Fredy Solano busca proxectar unha terceira torre na paisaxe do Gaiás a través dun mural colocado no oco existente entre as dúas estruturas
 

  • ‘A través dun horizonte sen corpo’ de Fredy Solano ‘A través dun horizonte sen corpo’ de Fredy Solano
  • ‘A través dun horizonte sen corpo’ de Fredy Solano ‘A través dun horizonte sen corpo’ de Fredy Solano

Santiago, 25 de outubro de 2016.- O proxecto ‘A través dun horizonte sen corpo’ de Fredy Solano vén de ser elixido como gañador da IV Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, certame organizado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia e aberto a todos os participantes no VI Encontro de Artistas Novos. O artista, de orixe salvadoreño pero residente actualmente en Vigo, plasmará no Gaiás o seu concepto da arte como ocupación e intervención do espazo público.

Fredy Solano busca con ‘A través dun horizonte sen corpo’ proxectar na paisaxe do Gaiás unha terceira Torre Hejduk, colocando un mural sobre o espazo negativo que se forma entre a torre de pedra e a torre de cristal.

En palabras de Eisenman, John Hejduk concibiu a creación desta terceira torre como “a iglesia sen corpo”, conferíndolle un corpo metafórico ao acto arquitectónico. Baseándose neste concepto de transparencia, o mural busca ser unha intervención atmosférica integrada na contorna e mimetizada coa paisaxe do monte Gaiás. A idea de Solano é construír un panel de gradientes de cores sobre unha superficie traslúcida duns 25 metros de alto e 7 de ancho na parte superior e de 3 na inferior, cun resultado de 125 metros cadrados de superficie.

A intervención de Fredy Solano verá a luz o 31 de agosto do 2017, coincidindo coa celebración da VI Encontro de Artistas Novos na Cidade da Cultura. A mostra permanecerá aberta tres meses e contará con entrada de balde.

Do graffiti ás accións en espazos públicos

Fredy Solano-Póker (1992, El Salvador) foi un dos 40 artistas emerxentes que participou este ano no Encontro de Artistas Novos. Aínda que comezou como artista do graffiti en 2006, actualmente dedícase á produción de instalacións site specific e accións en espazos públicos.

Licenciado en Deseño Gráfico e Publicidade na Universidade Don Bosco de El Salvador, a súa experiencia artística inclúe a súa participación en exposicións como ‘Fusilamiento’ do Festival ecléctico de las artes’, ‘Antes y después’ no Centro Cultural España, ‘El grafiti no es nada’ do Festival de Intervencións en espazos públicos ADAPTE de El Salvador; ou a exposición colectiva ‘Tropical taboo’ na Benedictine University de Chicago. Recentemente foi seleccionado pola residencia RAPACES, Nicaragua; YES Academy- El Salvador por Mark Dion, Dena Sherwood and Deana Haggag (The Contemporary Baltimore); e VOLUMES, De lo tangible a lo intangible, Zürich, Suíza. Tamén foi representante do seu país na X Bienal Centroaméricana, comisariada por Tamara Díaz Brigas, Museo de arte y Diseño Contemporáneo. Actualmente vive e traballa en Vigo.
 

Comparte