Nova: Galicia pásalle o testemuño do Womex a Polonia
22/10/2016
Galicia pásalle o testemuño do Womex a Polonia
Máis de 2.000 delegados internacionais e máis de 50 reunións profesionais da delegación do stand GalicianTunes son algunhas das cifras que deixa o Womex 2016 en Santiago
O conselleiro de Cultura en funcións participou na cesión do testemuño do maior mercado internacional de World Music á cidade polaca
Santiago, 22 de outubro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, destacou esta mañá “a extensa tradición musical popular” de Polonia, con motivo do acto de cesión do testemuño do Womex, o maior mercado internacional de World Music, á cidade de Katowice. Neste sentido, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia agradeceu a presenza das autoridade polacas e confiou en que desenvolverán un gran traballo. “Cedémoslle o testemuño –subliñou– coa certeza de que Katowice, coa súa fecunda tradición tanto nos eidos da música clásica como da tradicional, será sen dúbida unha magnífica sede para a ‘Familia’ Womex”.
No acto tamén participaron o alcalde de Santiago, Mariño Noriega, o de Katowice, Martin Krupa; e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín. Asistiron, así mesmo, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e varios artistas e grupos musicais presentes no Womex.
Román Rodríguez recoñeceu a importancia desta feira, que chega á súa fin mañá domingo, tanto para a industria musical como para a oferta cultural galega. Neste contexto, cómpre destacar que se acreditaron máis de 2.000 delegados internacionais, establecéronse preto de 300 stands e, en concreto, no pavillón GalicianTunes, a delegación organizou máis de 50 reunións profesionais.
Ademais, e máis alá das xuntanzas, conferencias, encontros network e presentacións, tamén é preciso salientar as 60 actuacións musicais que reuniron a preto de 300 artistas de 43 países. Así mesmo, proxectáronse 11 filmes dentro do programa audiovisual, incluíndo dúas estreas mundiais.
Compañías baixo o paraugas GalicianTunes
As diferentes compañías galegas participantes no Womex desenvolveron o seu traballo baixo a marca común GalicianTunes, promovida pola Agadic para a difusión internacional da música de Galicia tanto a través da súa presenza en feiras e festivais como da plataforma web www.galiciantunes.com. A meirande parte delas dedícanse ao ‘management’ musical e representan medio cento de formacións artísticas de todos os estilos e formatos, con especial presenza da música tradicional e de raíz. Trátase, en concreto, de aCentral Folque, Alejandro Vargas, Budiño, Chotokoeu, Culturactiva, Cunde.gal, Fol, i-radia CREA, JAU, Kandengue Arts, Luneda Producións, Mada Producións, Mare, Merlo Branco, Mirmidón, Música no Claustro, MusicArte, Nordesía, Poliédrica e Sumrrá.
A estas empresas e artistas sumáronse, ademais, os tres principais colectivos profesionais do sector: Músicos ao Vivo, a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e Clubtura, que reúne as salas que programan música en directo en Galicia.
A representación galega estendeuse, así mesmo, á carteleira de concertos, que arrancou co espectáculo inaugural no que Cuarteto Caramuxo e Talabarte compartiron escenario con Carmen París, Kepa Junquera e María Arnal & Marcel Bagés. O venres foi a quenda de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e hoxe, o Teatro Principal acollerá, ás 21.00 horas, o ‘showcase’ de Narf xunto co grupo mozambicano Timbila Muzimba. Pola súa banda, Radio Cos tocará tamén, ás 21.45, no escenario da praza da Quintana como parte da selección oficial de Womex.