Nova: Convocado o X Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
26/10/2016
Convocado o X Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
O galardón, dotado con 6.000 euros, reactiva a radio como soporte artístico para explorar cos materiais e as premisas da creación contemporánea
O prazo de presentación de orixinais remata o vindeiro 18 de decembro e as bases pódense consultar nas webs crtvg.es e cultura.gal
As obras finalistas emitiranse na programación da Radio Galega e serán publicadas nun libro-disco
A publicación cos traballos finalistas de 2015 está accesible na Libraría Institucional da Xunta de Galicia, tanto en versión electrónica coma impresa
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2016.- A Radio Galega convoca, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, o X Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, un certame que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, cualificou como “imprescindible”, tanto polo seu papel a prol da “promoción da escrita do xénero dramático nun formato para radio” como polo feito de impulsar “unha actualización desta escrita desde as linguaxes contemporáneas en galego”.
Así o asegurou esta mañá durante a rolda de prensa de presentación da décima edición do certame, nun acto no que tamén se deu a coñecer o libro-CD coas obras finalistas da pasada edición, da autoría de Clara Gayo, de Avelina Pérez, de Daniel García Níñez e de Marián Bañobre e mais Santiago Cortegoso. Todos eles participaron na rolda de prensa, xunto coa xefa de programas da Radio Galega, Gloria Ferreiro; co director da adaptación radiofónica das obras finalistas de 2015, Tito Asorey; e coa presentadora e directora do Diario Cultural, Ana Romaní, que deu a coñecer as bases da nova edición do premio, accesibles para a súa consulta nas webs www.crtvg.es e mais en www.cultura.gal
Alentar a creación creativa
“A escrita dos xéneros dialogais –afirmou Anxo Lorenzo– ten unha complexidade e unha singularidade que a fai pouco frecuente como forma creativa entre os autores, mesmo entre os que adoitan practicar o xénero dramático”. “Por iso desde a Xunta de Galicia apoiamos un ano máis a Radio Galega para facer posible unha nova convocatoria que estimule a creatividade”, dixo o secretario xeral, quen asegurou que “alentar a creación creativa nos distintos ámbitos culturais contribúe a reforzar o valor simbólico da cultura e, sobre todo, permite difundir e poñer en valor socialmente o amplo abano e o alto interese da creación que se está a producir en Galicia nos distintos campos de actuación”.
Coa adaptación radiofónica e a publicación en formato de libro-CD das obras finalistas en 2015 péchase o ciclo da novena edición e ábrese o da décima. Faino coa apertura do prazo de presentación de orixinais, ata o vindeiro 18 de decembro, entre os cales o xurado seleccionará unha serie de obras que serán dramatizadas para a súa emisión por un elenco de actores e de actrices. As dramatizacións emitiranse nos distintos programas da Radio Galega e entre elas o xurado escollerá a obra galardoada co premio do xurado e a audiencia votará a obra que recibirá o premio do público. Cada un dos galardóns está dotado economicamente con 3.000 euros, ademais da publicación da obra.
O libro-CD da novena edición, en libraria.xunta.gal
A partir de hoxe, a Libraría Institucional da Xunta de Galicia incorpora a publicación coas obras finalistas da novena edición do certame. Trátase dos textos “Evasión”, de Clara Gayo, premio do xurado; “Non teño espello no baño”, de Avelina Pérez, premio da audiencia; e das obras finalistas “Hai un punto que me doe”, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, e “Asalto ao rexional das 11”, de Daniel García Níñez. Con adaptación radiofónica de Tito Asorey, as obras foron interpretadas por Melania Cruz, por Fernando González, por Antonio Durán ‘Morris’, por Mela Casal e mais por Covadonga Berdiñas, coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.
A través de https://libraria.xunta.gal/, o público interesado poderá acceder á publicación a través dunha versión en liña ou adquirir a obra impresa impresa de xeito gratuíto, co pago unicamente dos portes do envío postal.
Dezaoito autores e autoras premiados e máis de 100 profesionais entre directores e directoras, actores e actrices, técnicos e profesionais da edición e da produción participaron desde o ano 2006 nesta iniciativa, que procura dar un novo pulo cun enfoque contemporáneo a un xénero cunha longa tradición na historia da radiodifusión.