Nova: O castro de San Cibrao de Las divulga nunha guía o seu patrimonio arqueolóxico
30/07/2014
O castro de San Cibrao de Las divulga nunha guía o seu patrimonio arqueolóxico
Contará cuns 23.000 euros para a recomposición da porta do castro de Laias
Ourense, 30 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta tarde en San Cibrao de Las a guía de visita do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa. Vazquez Abad celebrou a saída á luz deste directorio pois, como dixo, “aquí se encontra representada a nosa raíz remota e aquí dámoslle resposta a un interese cidadán cada vez maior polos tesouros inesgotables do noso pasado”.
O responsable cultural da Xunta deixou constancia de que quedan actuacións pendentes que afiancen a proxección de país de cultura que el e o seu departamento teñen. Entre estas, está a recomposición da porta do castro de Laias, cun investimento duns 23.000 euros, que pretende dotar ao Parque Arqueolóxico e ao Centro de Interpretación da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las dun novo elemento de atracción e dunha nova peza expositiva de interese didáctico.
O titular de Cultura e Educación dixo tamén que o investimento realizado ata o momento na posta en marcha e posterior mantemento deste proxecto da cultura castrexa “serve para recuperar un activo importantísimo do noso desenvolvemento como pobo”. O conselleiro fixo así mesmo un recoñecemento para os equipos que programaron os traballos e os executaron, así como para as persoas que prepararon a guía do Complexo Arqueolóxico por “ofrecer no presente e trasladar para o futuro”, dixo.
Vazquez Abad asistiu ao acto na compaña do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Insua; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.
O valor do patrimonio
Coa publicación da guía, a consellería de Educación e Cultura pretende transmitir ás xeracións futuras un patrimonio arqueolóxico ben conservado e fomentar a consciencia da importancia que ten a súa protección como recurso para o desenvolvemento dun pobo. Desta maneira, téntase facilitar o acceso ao patrimonio arqueolóxico, non só coa visita e disfrute dos xacementos, senón tamén coa súa difusión, coñecemento e comprensión.
A eficacia do patrimonio arqueolóxico como recurso para a educación tense demostrado nos tres anos de andadura do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre en Campo Lameiro e no escaso percorrido desde o mes de marzo de 2014 do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, dúas infraestruturas creadas pola consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao abeiro da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico.
Referente da cultura castrexa
O castro de San Cibrán de Las, que se atopa nos concellos ourensáns de San Amaro e Punxín, constitúe un dos mellores exemplos de xacementos arqueolóxicos da Idade de Ferro, tanto pola súa monumentalidade como por ser un dos castros máis escavados e mellor coñecidos de Galicia. Como modelo de hábitat castrexo era, por tanto, o candidato ideal para albergar o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa e servir de fío condutor para dar as claves interpretativas cara á comprensión da cultura castrexa e do propio xacemento. A exposición do Centro de Interpretación e o percorrido polo xacemento con visitas guiadas é un amplo programa de actividades e talleres didácticos adaptados aos distintos tipos de público, que contribúen a que a experiencia da visita sexa amena e estimulante.
A importancia deste antigo poboado, un dos castros máis grandes e monumentais da Comunidade Autónoma, xa foi obxecto de atención dos investigadores hai case un século, posto que entre os anos 1922 e 1925 xa escavou neste xacemento arqueolóxico Florentino López Cuevillas, continuando cos traballos Xaquín Lorenzo Fernández nos anos 1948-49. Anos despois, na década dos 80-90, con actuacións baixo o amparo do Museo Arqueolóxico de Ourense. Estas escavacións continuaron en datas máis recentes cara a súa posta en valor.