Nova: O II encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia congrega en Ourense 22 entidades e produtoras

27/10/2016

O II encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia congrega en Ourense 22 entidades e produtoras

A Agadic e o ICA luso promoven a segunda edición deste foro bilateral, que terá lugar este sábado no Centro Cultural Marcos Valcárcel dentro do programa de actividades paralelas do OUFF

Durante o evento desenvolveranse 44 xuntanzas personalizadas na procura de socios cara a materialización de máis de 25 novos proxectos cinematográficos e televisivos
 

Santiago, 27 de outubro de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) organiza xunto co Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) a segunda edición do Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, que reunirá este sábado en Ourense os representantes de 22 entidades e produtoras de ambos países. A cita será ás 11.00 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel, dentro do programa de actividades paralelas do Ourense Film Festival (OUFF).

O evento articúlase arredor de 44 reunións 'one to one', concertadas pola organización para que os responsables das compañías entren en contacto directo con potenciais socios estratéxicos cara á coprodución de novas propostas para cinema e televisión. Nesta segunda entrega do encontro, as empresas acreditadas chegarán a Ourense con máis de 25 proxectos en desenvolvemento, que na meirande parte dos casos consisten en longametraxes e series televisivas.

Empresas asistentes

Pola banda galega, ademais da Agadic e da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), participarán os responsables das empresas Aba Films, Abano Producións, Agallas Films, Comarea Producciones, CTV Media, Esnatu Zinema, Ficción Producciones, Filmanova, Ladybug Films, Portocabo, Produtora Faro e Social Docs.

En canto á delegación portuguesa, encabezada polo ICA e a Radio Televisão de Portugal (RTP), desprazaranse ata Ourense os representantes de Animais AVPL, HOP Filmes, Lightbox, SP Televisão, Take It Easy Film e Take 2000.

Intercambio de profesionais

O obxectivo desta segunda entrega do Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia é manter aberta unha canle de comunicación directa entre as empresas dos dous países cara á posta en marcha de proxectos comúns, que favorezan así mesmo o intercambio de profesionais técnicos e artísticos a ambas as beiras do Miño. É o caso da serie ‘Vidago Palace’, unha coprodución entre a TVG e a RTP que recibiu o impulso definitivo a raíz da participación de Portocabo e HOP Filmes na anterior edición deste foro de coprodución. Un equipo galego-portugués está a gravar nestes momentos os episodios desta miniserie que, ademais de en Portugal, se rodará no territorio fronteirizo do Couto Mixto, en Verín.
 

Comparte