Nova: Entrega dos VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco a Cake artist e I'm a local
27/10/2016
Entrega dos VI Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco a Cake artist e I'm a local
‘I’m a local’ é unha aplicación móbil para dar a coñecer a pequenos produtores e ‘Cake artist’ combina repostería e impresión 3D, gañadores desta edición
O conselleiro de Cultura e Educación en funcións celebra que as novas xeracións de emprendedores sigan atopando inspiración na figura de Agustín Sixto Seco
A Xunta agradece o apoio de Abanca e Afundación, patrocinadores dos premios, e do Igape, institución colaboradora
Santiago, 27 de outubro 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, destacou o “talento, esforzo e valentía” dos gañadores dos VI Premios Emprende Gaiás Sixto Seco, certame co que a Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, favorece o emprendemento no eidos das industrias culturais en Galicia.
Nesta nova edición o gañador na categoría de ‘Aplicacións informáticas ou proxectos culturais en Internet’foi ‘I’m a local’, un proxecto de Alexandra Touza e Sonia Márquez, que desenvolveron unha aplicación móbil que opera como escaparate para dar a coñecer a pequenos produtores. ‘Cake artist’ foi a proposta galardoada no apartado de ‘Deseño, creación artística e plástica’. Nela, Daniel Diéguez combina a tecnoloxía de impresión 3D co mundo da repostería.
Na entrega dos premios, celebrada na Cidade da Cultura, o conselleiro estivo acompañado por Carmen e Teresa, dúas das fillas de Agustín Sixto Seco, o insigne galeguista que dá nome aos galardóns. Román Rodríguez celebrou que as novas xeracións de emprendedores sigan atopando inspiración na biografía “dun intelectual inquedo e activo, que impulsou proxectos tan relevantes para a cultura galega como a editorial Galaxia, a Fundación Penzol, a Casa Museo Rosalía de Castro, a Fundación Otero Pedrayo ou o Museo do Pobo Galego”.
O conselleiro tivo palabras de agradecemento para Abanca e Afundación, patrocinadoras dos premios, e que estiveron representadas no acto desta tarde na figura do director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de Abanca, Miguel Ángel Escotet, e do director xerente de Afundación, Pedro Otero. Xunta a eles, o acto contou coa presenza de Guillermo Viña, xerente de Igape Nova, institución colaboradora desta iniciativa.
2.000 euros e incorporación ao CEM do Gaiás
Os proxectos gañadores recibiron un premio en metálico de 2.000 euros e incorporaranse de balde durante doce meses ao espazo de coworking do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, onde recibirán apoio a través de diferentes programas de titorización, formación e asesoramento.
Con esta nova edición, os Premios Gaiás Sixto Secto consolídanse como unha das liñas de programación da Cidade da Cultura destinadas a favorecer o emprendemento no eido das industrias culturais.
Neste senso, o empredemento figura, xunto coa tecnoloxía e a cultura, como un dos tres eidos nos que opera o Gaiás, cun Centro de Emprendemento no que actualmente 250 persoas están impulsando proxectos innovadores. Este centro ofrece un espazo de coworking e un viveiro de empresas, ademais dunha área tecnolóxica na que compañías punteiras, como Telefónica, HP ou Vodafone, en colaboración coa Amtega, están desenvolvendo proxectos de apoio a start-up galegas.
Máis aló dos recursos dirixidos aos emprendedores con sede na Cidade da Cultura, o Gaiás desenvolve unha programación que ten por obxecto estimular o talento e crear cultura emprendedora en Galicia, con eventos como as charlas TEDxGaliciaou o Spin, o maior evento de emprendemento universitario de América Latina, que este año congregou na Cidade da Cultura a 3.500 persoas procedentes dun cento de universidades de España, Portugal e América Latina.