Nova: O rueiro das liortas chega a San Cristovo de Cea, da man do programa FalaRedes

27/10/2016

O rueiro das liortas chega a San Cristovo de Cea, da man do programa FalaRedes

O edificio multiúsos deste concello ourensán acolle o domingo ás 18:00 horas a actividade de dinamización, con entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala

A peza teatral, inspirada na comedia da arte italiana, está especialmente pensada para todos os públicos desde os oito anos de idade
 

  • Imaxe do espectáculo Imaxe do espectáculo
  • Imaxe do espectáculo Imaxe do espectáculo
  • Imaxe do espectáculo Imaxe do espectáculo
  • Imaxe do espectáculo Imaxe do espectáculo

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2016.- 'O rueiro das liortas', nova proposta do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes', chega esta fin de semana ao concello ourensán de San Cristovo de Cea –pertencente á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta- da man da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A peza teatral está especialmente pensada para todos os públicos desde os oito anos de idade e poderá gozarse o domingo, con entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala, no Edificio Multiúsos ás 18:00 horas.

‘O rueiro das liortas’ está inspirada na comedia da arte italiana e no teatro popular que afonda nas relacións de parella e nas dificultades para manter vivo o amor. O dinamismo dos elementos escenográficos que representan diferentes espazos, un actor e unha actriz que interpretan múltiples personaxes e un neno e unha nena que fan valer a súa verdade son os ingredientes desta comedia iniciática. A obra, vista desde unha óptica feminina, ofrece a súa particular visión dunha realidade na que as persoas teñen por afección meter o nariz onde non as chaman.

Na liña dos espectáculos creados pola compañía coruñesa Elefante Elegante, teatro visual baseado no texto e no movemento, a peza busca a universalidade e fusiona a palabra con outras linguaxes coma o teatro físico, a danza ou as artes plásticas e visuais. O obxectivo desta quinta proposta do 'FalaRedes 2016' é que a cativada e a mocidade se acheguen ao teatro en lingua galega por medio dunha obra de coidada estética na que as emocións, os afectos, o humor e a palabra van dan man.

As liortas danlle a benvida a novembro en Negreira e en Mesía

Despois de San Cristovo de Cea, o espectáculo ‘O rueiro das liortas’ seguirá o seu periplo pola xeografía galega durante o mes de novembro. O sábado, día 5, Elefante Elegante estará no Auditorio do Centro Sociocultural de Negreira (18:00 horas). Ao día seguinte, domingo, a cita será no municipio ordense de Mesía (Casa da Cultura, 18:00 horas). Nas semanas seguintes, ‘O rueiro das liortas’ tamén se poderá gozar no concello de Carballedo (o domingo 20); en Barbadás (o sábado 26); e mais en Castrelo de Miño (o domingo 27).

Coma sempre no ‘FalaRedes’, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información sobre a nova edición e o calendario completo de funcións xa están dispoñibles no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal), nas redes sociais do programa e na Axenda de Cultura de Galicia.

‘FalaRedes 2016'

O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolven ao longo de todo o ano nos concellos da RDL. Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolven o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Ao longo deste ano, ‘FalaRedes’ puxo en marcha en case un cento de concellos da RDL as propostas ‘Todo me fala de ti’, ‘A viaxe de Rosalía’, ‘Xente miúda, moita fartura’ e ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’. Nas catro edicións anteriores, o programa chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.
 

Comparte