Nova: 21 entidades benefícianse das axudas autonómicas para mellorar os seus arquivos
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
28/10/2016
21 entidades benefícianse das axudas autonómicas para mellorar os seus arquivos
Concellos, fundacións, a USC, a Sociedade Galega de Historia Natural e o Instituto de Estudos Miñoranos benefícianse da liña de subvencións de 77.000 euros da Secretaría Xeral de Cultura para a organización e dixitalización de fondos documentais
Santiago, 28 de outubro de 2016.- Un total de 21 entidades son as beneficiarias da liña de subvencións convocada en 2016 pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación para a mellora dos arquivos de Galicia, a través da realización de actividades de organización dos fondos documentais e da dixitalización do patrimonio documental, para as que se conceden axudas que van dos 2.000 aos 5.000 euros.
Os adxudicatarios desta liña de subvencións, dotada cun total de 77.740 euros, son a Universidade de Santiago de Compostela, os concellos de Foz, Vedra, Vilar de Santos, Cervo, Castroverde, Boqueixón, Ordes, Cerdido, Culleredo, As Pontes de García Rodríguez, Coles, Ribeira, e Cambre; as fundacións Rosalía de Castro, Isla Couto, Luis Tilve, Penzol e Uxío Novoneyra; a Sociedade Galega de Historia Natural e o Instituto de Estudos Miñoráns, segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20161028/AnuncioG0164-211016-0001_gl.pdf
Dirixidas a universidades, entes locais e entidades privadas sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado a arquivo e custodien fondos constitutivos do patrimonio documental de Galicia, estas axudas teñen como obxectivos principais favorecer que os arquivos realicen adecuadamente as súas funcións e que a cidadanía teña acceso á información contida nos documentos, para o que é preciso que os seus fondos documentais estean organizados, en bo estado físico e mesmo reproducidos noutros soportes.
Con este fin, as liñas de actuación obxecto destas axudas abranguen, por unha banda, a organización de fondos documentais dos arquivos galegos e o seu tratamento arquivístico, e, por outra, a dixitalización do patrimonio documental custodiado en arquivos, de actas de Pleno depositadas nos arquivos municipais, no caso dos entes locais, e de documentos constitutivos de patrimonio documental que sexan de interese para Galicia no caso dos arquivos universitarios e de entidades privadas sen ánimo de lucro.
Favorecer a protección e o acceso ao patrimonio documental
Con esta liña de subvencións, a Secretaría Xeral de Cultura colabora no financiamento dos arquivos do Sistema de Arquivos de Galicia para garantir a conservación e o acceso ao patrimonio documental que custodian, cun máximo dun 80% do investimento total do custo dos proxectos. No caso dos proxectos de organización de fondos a axuda máxima é de 5.000 euros e no dos proxectos de dixitalización, de 2.000 euros.