Nova: O Gaiás acollerá a exposición máis ambiciosa sobre Cela

03/11/2016

O Gaiás acollerá a exposición máis ambiciosa sobre Cela

‘Camilo José Cela (1916-2016). O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade’ chega o 18 de novembro tras o seu exitoso paso pola Biblioteca Nacional

A mostra supón o acto central do programa para homenaxear ao escritor galego cando se conmemoran os cen anos do seu nacemento

A instalación conforma un retrato poliédrico de Cela, amosando que, ademais de novelista, foi xornalista, editor, dramaturgo, actor, pintor ou coleccionista

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Fundación Cidade da Cultura e da Fundación Camilo José Cela, inaugurará o 18 de novembro no Museo Centro Gaiás a exposición máis ambiciosa realizada ata o momento sobre Cela, no que será o acto central do programa preparado para conmemorar os cen anos do seu nacemento en Iria-Flavia.

‘Camilo José Cela (1916-2016). O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade' chega á terra natal do escritor despois do seu exitoso paso pola Biblioteca Nacional, onde foi inaugurada por S.M. El Rey en xullo e puido visitarse ata setembro. Comisariada polo profesor Adolfo Sotelo, un dos maiores especialistas na obra de Cela, a exposición conforma un retrato poliédrico sobre o Nobel, amosando a súa actividade non só como novelista, senón como xornalista, editor, dramaturgo, actor, pintor ou coleccionista, nun intento de achegarlle ao visitante a potencia creativa do autor.

A través de 600 pezas, a mostra recolle manuscritos e primeiras edicións das novelas máis relevantes, as que o fixeron merecedor do Nobel, do Cervantes, do Príncipe de Asturias e de decenas de galardóns. Nela preséntase unha escolla de obxectos persoais que nos permiten explorar o universo psicolóxico do novelista, dando testemuña das súas ricas relacións persoais e da súa actividade como editor e ‘activista cultural’. O percorrido complétase con curiosidades, como fragmentos de películas nas que traballou, ou as súas numerosas coleccións. En relación coa exposición de Madrid, a do Gaiás suma unha sección nova, dedicada a afondar na relación de Cela con Galicia.

A mostra, que poderá visitarse de balde ate o 19 de febreiro, contará cun programa de visitas guiadas. Ademais, a Fundación Cidade da Cultura está a traballar nun programa de actividades didácticas co obxectivo de achegar o contido da mostra aos os diferentes niveis educativos.

Comparte