Nova: A celebración do 150º aniversario de Valle-Inclán chega a Madrid cunha exposición iconográfica do artista Siro
07/11/2016
A celebración do 150º aniversario de Valle-Inclán chega a Madrid cunha exposición iconográfica do artista Siro
Retratos, caricaturas e visións reúne na Casa de Galicia 39 obras nas que o debuxante ferrolán ofrece a súa singular ollada sobre o escritor galego
Promovida pola Consellería de Cultura co apoio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, a mostra poderá visitarse en Madrid ata o 27 de novembro
Madrid, 7 de novembro de 2016.- A exposición ‘Retratos, caricaturas e visións’ reúne na Casa de Galicia en Madrid 39 obras nas que o debuxante e pintor ferrolán Siro López Lorenzo ‘Siro’ ofrece a súa particular mirada sobre Ramón María del Valle-Inclán, do que se celebra este ano o seu 150º aniversario.
Promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria co apoio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, a mostra foi inaugurada esta tarde polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega; polo director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, Antonio González; e mais polo propio Siro, “un deses artistas que seguramente van transcender, coma Valle-Inclán, a súa propia época e han ser un referente permanente no imaxinario da cultura galega”.
Con estas palabras se referiu Anxo Lorenzo ao autor das obras, ao que tamén cualificou como “unha das mans máis destacadas da Galicia de hoxe”. “É un luxo –asegurou– que poidamos mergullarnos nas distintas perspectivas de Valle-Inclán a través da súa ollada, cunha variedade de técnicas sorprendente” que van da témpera á serigrafía, pasando pola tinta, a acuarela, a cera sobre papel ou o acrílico sobre tea.
Unha iconografía “excepcional” arredor de Valle
Segundo explicou, a mostra ofrece no seu conxunto “unha iconografía excepcional arredor de Valle”. “Porque Siro, ademais desa capacidade plástica, ten unha capacidade singular e única para captar a esencia, para achegar unha ollada irónica, profunda, que ás veces semella case un relato”, dixo.
A contribución da Casa de Galicia á celebración
“Este ano, ademais de conmemorar o 400º aniversario do pasamento de Cervantes e de Shakespeare, e o centenario de Rubén Darío, entre outras efemérides, a Casa de Galicia tamén celebramos o 150º aniversario do nacemento de Valle-Inclán”, explicou José Ramón Ónega. “A Casa de Galicia, sede da Delegación da Xunta en Madrid –engadiu– non quería quedar á marxe de tan importante conmemoración e grazas á Consellería de Cultura podemos ofrecer esta marabillosa exposición, composta por debuxos e pinturas de diferentes técnicas e estilos dedicadas ao admirado escritor e dramaturgo”.
O proxecto expositivo da obra de Siro arredor de Valle-Inclán nace ao abeiro da programación coa que a Xunta de Galicia está a conmemorar os 150 anos do nacemento do escritor. As obras da exposición proceden da colección de debuxos e de pinturas que alberga o Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal (A Coruña), unha serie que se traduce en cadros que recollen ritmos xestuais, particularidades fisionómicas, suxestións de indumentaria e carácter dun dos principais escritores do século XX.
Esta colección única exhíbese agora na Casa de Galicia en Madrid ata o 27 de novembro para facer partícipe a capital do país dos actos conmemorativos deste 150º aniversario de Valle-Inclán. A exposición poderá ser visitada en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas os días laborables. Os domingos e festivos permanecerá aberta de 10:00 a 14:00 horas.
Siro
Aínda que o recoñecemento popular de Siro López Lorenzo, Siro (Ferrol, 1943), vén dado polo labor que como caricaturista político desenvolveu ao longo de 40 anos na prensa, o certo é que estamos ante un artista que practica co mesmo éxito todas as formas do debuxo, desde o retrato á caricatura, pasando pola ilustración e con dominio de todas as técnicas.
Nas súas figuracións admirativas de Valle-Inclán pon especial énfase na liña descritiva do perfil, na expresividade vitalista dos ollos e na caracterización da personalidade poliédrica do escritor galego.