Nova: A muralla de Lugo será obxecto de obras de restauración ao longo de 2017
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
23/11/2016
A muralla de Lugo será obxecto de obras de restauración ao longo de 2017
Os traballos non responden a unha situación de perigo, senón a planificación continua a ordenada de salvagarda do monumento
Santiago, 23 de novembro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, acometerá o vindeiro 2017 a restauración dos cubos LXX e LXXI da muralla romana de Lugo. Un ben propiedade da Xunta de Galicia e que xestiona o propio departamento de Cultura autonómico.
Os cubos LXX e LXXI da muralla romana de Lugo, que foron obxecto de actuación no marco do Plan Muralla Limpa durante anos 1972 e 1973, presentan unha serie de alteracións na fábrica relacionados co colapso da estrutura de placas de formigón armado fronte ao peso do recheo colocado e que supoñen filtracións de auga na base dos cubos e o asento dese recheo.
Se ben as fendas visibles non supoñen risco estrutural, a corrección desta situación estímase prioritaria desde os servizos técnicos da administración autonómica. As obras non responden, polo tanto, a unha situación de perigo, senón a unha planificación continua a ordenada de salvagarda do monumento no que a Xunta investiu durante 2016 máis de 520.000 euros.
Alcance dos traballos
A proposta de intervención nos cubos LXX e LXXI acometerá diversas actuacións previas consistentes na instalación de apeos estruturais, a retirada da saburra compactada do remate superficial do pavimento, a demolición da lousas de formigón armado existentes a diferentes niveis e o baleirado de capas de areas entre as lousas por medios manuais.
Logo levaranse a cabo diversas actuacións de restauración, comezando pola escavación arqueolóxica do solo dos cubos, continuando coa execución da gabia e a zapata de cimentación para a construción dun muro e contrafortes de lousa con morteiro de cal e area.
Os traballos rematarán coa formación da soleira, a base de morteiro de cal e area, a colocación dunha lámina impermeabilizante de caucho de butilo entre xeotextís, que impida que se filtre auga, e a execución de capa protectora de morteiro de cal e area, a capa de arxila natural e a capa de remate saburra, repoñendo así o chan ao seu estado orixinal. A actuación contará con todas as cautelas arqueolóxicas e medioambientais precisas e terá un prazo de execución de seis meses.