Nova: O Simposio Manuel María afonda na figura e na obra do poeta chairego
23/11/2016
O Simposio Manuel María afonda na figura e na obra do poeta chairego
Máis dunha vintena de expertos abordan a traxectoria do escritor no simposio que organiza, ata o 24 de novembro na Coruña, a Real Academia Galega co apoio de Cultura
A Coruña, 23 de novembro de 2016.- Máis dunha vintena de expertos e de expertas participan desde este martes ata o próximo xoves 24 de novembro no Simposio Manuel María, tres xornadas durante as que se abordarán as diversas facetas do poeta chairego, protagonista das Letras Galegas 2016.
Promovido pola Real Academia Galega (RAG) co apoio da Consellería de Cultura e Educación e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o programa do simposio contempla –a través de diversas conferencias e mesas redondas– desde o cultivo dos distintos xéneros literarios ata o activismo cultural e político do autor homenaxeado coas Letras Galegas 2016. Tamén inclúe un recital poético cos seus versos na voz de cinco poetas e mais a proxección dun documental sobre Manuel María da autoría da académica Margarita Ledo, que lle porá o broche ao simposio.
A poesía foi o eixo central da primeira xornada, que abriu cunha conferencia de Darío Xohán Cabana sobre os primeiros libros de poemas do escritor e que tamén contará coa participación de Rosalía Fernández Rial, de Mercedes Queixas, de Marta Dacosta e de Manuel López Foxo.
Camilo Gómez Torres, Henrique Monteagudo, Mercedes Queixas, Carmen Fernández-Pérez Sanjulián, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Henrique Rabuña, Montse Pena e Xurxo Souto intervirán na xornada de hoxe mércores, que terá como protagonistas a narrativa, o teatro e a lingua galega, e na que non faltarán as referencias á importancia da obra do poeta chairego á construción dunha educación literaria en galego, así como a súa relación coa música galega.
Finalmente, o xoves 24 de novembro, o Simposio Manuel María ofrecerá unha mesa de debate sobre poética e política, a cargo de Xosé Estévez, Carlos Quiroga e Pilar García Negro, moderada por Margarita Ledo. A xornada de clausura tamén contará coas experiencias da académica Fina Casalderrey, que falará da contribución dos libros de Manuel María á normalización do galego nas escolas durante a década dos 70, do poeta e xornalista Antón Lopo, que rememorará o papel da libraría Xistral a prol da difusión cultural, e mais de Xosé Lois García, que percorrerá as paisaxes identitarias na literatura do escritor.
O simposio rematará coa proxección do documental ‘Eu son fala e terra desta miña terra’, unha biografía audiovisual de Manuel María que asina Margarita Ledo.