Nova: O Simposio Manuel María clausúrase tras abordar as variadas facetas do homenaxeado coas Letras Galegas 2016

24/11/2016

O Simposio Manuel María clausúrase tras abordar as variadas facetas do homenaxeado coas Letras Galegas 2016

A sede da Real Academia Galega acolleu durante tres días este encontro organizado co apoio da Consellería de Cultura

Nel participaron máis dunha vintena de especialistas para abordar as diversas facetas do autor homenaxeado polas Letras Galegas 2016
 

A Coruña, 24 de novembro de 2016.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, clausurou na sede da Real Academia Galega (RAG) na Coruña o Simposio Manuel María, un encontro organizado por esta entidade co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no que se deron cita máis dunha vintena de expertos e de expertas que ao longo de tres días abordaron as diversas facetas do autor homenaxeado polas Letras Galegas 2016.

García Gómez recordou durante a súa intervención o compromiso inquebrantable do autor chairego coa lingua e coa cultura galegas, “no que se asentan -dixo- unha amplísima produción que, amais de estar toda ela en galego, xira en moitas ocasións arredor do idioma propio de Galicia como tema explícito; así como as diversas iniciativas culturais, políticas e sociais que impulsou ao longo da súa vida. Un compromiso –engadiu– que o situou como un dos expoñentes da literatura galega do século XX e, sobre todo, unha vontade firme de normalización lingüística que o levou a apostar por unha ampla produción literaria dedicada á infancia”.

Colaboración interinstitucional no tributo a Manuel María

O secretario xeral tamén puxo de relevo a colaboración entre as institucións culturais de Galicia e a participación do conxunto da cidadanía para levar a cabo con éxito unha ampla programación de actividades que contribuíu durante este ano a un maior coñecemento do autor e da súa obra, con iniciativas promovidas ou apoiadas desde a Xunta de Galicia.

Entre elas cómpre destacar a mostra itinerante ‘Manuel María. Beleza, amor e compromiso’ (en colaboración coa Casa-Museo Manuel María), as exposicións escolares “Eu son esta terra e esta auga” e “Soñando Galicia con Manuel María”; a actividade de dinamización lingüística “Todo me fala de ti”, o videoclip “A Cidade”, o web manuelmaria.xornalistas.gal ou os proxectos que viron a luz desde o ensino.

Participaron canda el na mesa de clausura a académica Margarita Ledo e a secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Mercedes Queixas.
 

Comparte