Nova: O universo estético de Manuel Vilariño centra o novo volume da colección CGAC Creación
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
24/11/2016
O universo estético de Manuel Vilariño centra o novo volume da colección CGAC Creación
O libro profunda nas claves creativas do fotógrafo coruñés a través da exposición ‘Tectónica’, que ofreceu no Centro Galego de Arte Contemporánea unha visión inédita da súa obra
Santiago, 24 de novembro de 2016.- O Centro Galego de Arte Contemporánea presentou o novo volume da súa colección CGAC Creación, un libro de artista de Manuel Vilariño dedicado á súa exposición ‘Tectónica’, que se exhibiu no centro da Consellería de Cultura e Educación entre marzo e setembro de 2015.
Trátase, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, do segundo volume da colección iniciada en 2016 polo CGAC, un traballo que “atesoura a prospección xeolóxica no universo estético e poético de Manuel Vilariño que tivemos ocasión de visitar no CGAC o pasado ano e que nos permitiu profundar na súa obra a través de diferentes vetas temáticas”, dixo en referencia á poesía, á imaxe, á música e á ciencia.
“O achegamento inédito á obra de Vilariño que presidiu a exposición ‘Tectónica’ –afirmou– trasládase agora ao papel, con moito máis ca pezas artísticas”, xa que o libro tamén inclúe documentos, mapas, libros e obxectos persoais do propio artista, como as botas que utilizou nas súas viaxes.
Finalmente, o secretario xeral aproveitou a ocasión para agradecerlle a Vilariño o depósito que acaba de realizar no Museo de Belas Artes da Coruña da súa obra ‘O paraíso fragmentado’, que se presentará mañá venres, ás 12:00 horas, en rolda de prensa.
O acto de presentación do libro contou coa participación do propio artista, do director do CGAC, Santiago Olmo; e mais do comisario da exposición, Alberto Ruiz de Samaniego, autor dun dos textos que inclúe o volume, canda as reflexións de Manuel Segade e de Eduardo Lago sobre a obra de Vilariño.
Unha prospección no universo creativo de Vilariño
‘Tectónica’ constituíu unha viaxe polo universo creativo e poético de Vilariño, pero cunha perspectiva inédita: un traballo de corte tectónico, para indagar nas liñas de sostemento que fundamentan a súa reflexión estética e que explican as realizacións plásticas e poéticas –a propia experiencia vital– deste creador singular.
Pensada a partir de catro grandes vetas ou apartados temáticos e formais –música, poesía, ciencia e imaxe–, a exposición amosou en cada un destes estratos unha serie de referencias fundamentais na traxectoria de Manuel Vilariño, con exemplos das súas propias obras ou das súas propostas, das súas lecturas, das súas viaxes e dos seus referentes vitais, culturais, musicais, de coñecemento e, en definitiva, poéticos, no sentido máis amplo e profundo do termo.