Nova: O Museo de Belas Artes da Coruña incorpora á súa colección unha peza monumental de Manuel Vilariño
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
25/11/2016
O Museo de Belas Artes da Coruña incorpora á súa colección unha peza monumental de Manuel Vilariño
O fotógrafo depositou no centro de xestión autonómica a súa obra ‘O paraíso fragmentado’, unha das máis emblemáticas e significativas da súa traxectoria
“A presenza de Vilariño no museo supón un aval definitivo á incipiente sección de fotografía dentro da colección deste centro”, afirmou o secretario xeral de Cultura
O crítico de arte Fernando Castro impartirá esta tarde a conferencia ‘Reflexións en torno á obra de Manuel Vilariño’, na que afondará no valor da peza e no universo creativo do artista coruñés
A Coruña, 25 de novembro de 2016.- O Museo de Belas Artes da Coruña acaba de incorporar á súa colección a obra ‘O paraíso fragmentado’, unha peza monumental do fotógrafo Manuel Vilariño, ofrecida polo propio autor en calidade de depósito. Trátase dunha obra de referencia do panorama artístico actual, asinada por “un dos nosos máis reputados artistas”. Así o asegurou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación da obra, que contou coa participación de Vilariño e mais da directora do museo, Ángeles Penas.
A presenza do artista neste centro –no que xa fora comisario no ano 2000 da exposición do fotógrafo Emmanuel Sougez– supón, segundo dixo, “un aval definitivo á incipiente sección de fotografía dentro da valiosa colección do Museo de Belas Artes da Coruña, máxime cunha peza como a que aquí é obxecto de depósito”. Nese sentido, anunciou que o museo apostar por incorporar á colección unha selección de fotografía que poida contar coas obras dos principais representantes desta especialidade en Galicia. “A obra depositada por Vilariño Vilariño preséntase como “un inmellorable punto de partida para a creación desta sección”, explicou.
Unha obra emblemática
Ao valor decisivo da peza, hai que engadirlle “a oportunidade que nos brinda o seu autor ao mostrar neste museo unha das obras máis emblemáticas e significativas da súa traxectoria profesional”, afirmou Anxo Lorenzo. “É, polo tanto, unha oportunidade para o Museo de Belas Artes e, moi especialmente, para o patrimonio cultural de Galicia, o ingreso desta obra na colección, para o coñecemento e gozo da cidadanía”, concluíu.
‘O paraíso fragmentado’ é un monumental políptico construído a partir de 15 fotografías de idénticas dimensións que, asociadas entre si, producen unha composición que podería parecer abstracta, pero que, en realidade, manexa os elementos constantes na fotografía de Manuel Vilariño: animais mortos, manipulados e asociados a outros obxectos cunha clara intencionalidade estética, mentres reflexiona sobre aspectos como a vida, os ciclos vitais e o sentido do tempo, a través da súa apaixonada observación da natureza.
A peza, presentada na Bienal de Venecia no ano 2007, formou parte da exposición titulada ‘Mitoloxías’, unha retrospectiva do fotógrafo coruñés, Premio Nacional de Fotografía en 2007, que incluía trinta obras realizadas na súa terra natal ao longo da súa vida, e que presentaba un percorrido pola súa particular visión de natureza: os animais, as plumaxes das aves, as escamas dos réptiles, os bodegóns, as paisaxes, as montañas, as ondas do océano e as néboas do horizonte.
Conferencia de Fernando Castro Flórez
Esta tarde, ás 20:00 horas, o filósofo e crítico de arte Fernando Castro Flórez impartirá no salón de actos do Museo de Belas Artes a conferencia ‘Reflexións en torno á obra de Manuel Vilariño’, na que profundará na peza O paraíso fragmentado no marco do universo artístico do fotógrafo coruñés.
Claves da traxectoria do artista
A traxectoria fotográfica de Manuel Vilariño, na que conviven o branco e negro e a cor, iníciase nos anos 80 como un continuado intento de fusionar valores da natureza con aspectos de cariz cultural, nun panteísmo obxectual que oscila entre os extremos do relixioso e o profano, do sagrado e do proscrito.
O seu interese pola poesía, os místicos, e os discursos filosóficos, transitan entre as luces e as sombras da súa concepción da fotografía como unha posta en escena das entrañas e profundidades do pensamento poético. Nocións en torno ao límite, ao sagrado, ao sublime ou á soidade do tempo no devir da vida e a morte repousan nas metáforas das súas composicións, dunha beleza austera, que teñen como protagonistas animais (lagartos, aves), acompañados ás veces doutros elementos alegóricos como caveiras, froitas, velas ou ferramentas.