Nova: A exposición sobre o caricaturista José María Cao Luaces remata a súa itinerancia en Cervo, concello natal do artista

29/11/2016

A exposición sobre o caricaturista José María Cao Luaces remata a súa itinerancia en Cervo, concello natal do artista

O Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos acolle ata o 20 de decembro a mostra coa que a Xunta de Galicia difunde a figura e a obra deste esquecido debuxante lucense, considerado o patriarca da caricatura Arxentina

O acto de inauguración será hoxe martes, ás 19:00 horas, e contará cunha conferencia do debuxante e xornalista Siro
 

  • Imaxe da mostra Imaxe da mostra
  • Imaxe da mostra Imaxe da mostra

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2016.- A exposición ‘José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina’ remata en Cervo, concello natal do artista, unha itinerancia que a levou desde o pasado mes de maio polas catro provincias galegas. Promovida pola Consellería de Cultura e Educación para dar a coñecer entre a cidadanía a obra deste esquecido artista lucense nado en Cervo en 1862, a mostra pecha o seu percorrido no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, onde será inaugurada hoxe martes, ás 18:00 horas, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e polo alcalde do municipio, Alfonso Villares.

O acto contará coa participación do debuxante, pintor e xornalista Siro López Lorenzo ‘Siro’, que ofrecerá unha conferencia sobre este destacado artista de orixe lucense, escasamente coñecido en Galicia, que desenvolveu a súa traxectoria profesional principalmente en Arxentina, país ao que chegou con 25 anos.

Co fin de poñer en valor e de dar a coñecer entre a cidadanía a obra deste artista galego de prestixio internacional, a exposición reúne unha escolma de caricaturas de Cao Luaces a través das que se poñen de manifesto as distintas etapas polas que pasou o seu creador e que permiten admirar o talento e a habelencia dun debuxante galego que contribuíu decisivamente a que a ilustración arxentina eclosionase no final do século XIX e comezos do século XX

Nos últimos meses, a exposición itinerante levou a obra deste excepcional artista, erixido como un dos grandes creadores do seu tempo, por toda Galicia, a través da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, da José Ángel Valente de Ourense, do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, da Biblioteca Pública de Lugo, da Casa da Cultura de Melide e mai da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés.

Un artista de prestixio internacional

Nado en Cervo en 1862, Cao Luaces comezou traballando na fábrica de Sargadelos deste concello lucense. Con 25 anos emigrou a Buenos Aires. Alí, logo dunha amplísima e prolífica traxectoria en diferentes publicacións da capital porteña, entre finais do século XIX e inicios do XX, o artista galego acadará prestixio internacional e será recoñecido como “patriarca da caricatura arxentina”.

Comparte