Nova: O filme galego Sicixia estréase en 31 pantallas de toda España

25/11/2016

O filme galego Sicixia estréase en 31 pantallas de toda España

Dirixido por Ignacio Vilar mestura ficción e realidade para retratar a Costa da Morte, a súa paisaxe e as súas xentes, a partir da historia que protagonizan Monti Castiñeiras e Marta Lado

A Agadic contribuíu con 260.000 euros ao financiamento do proxecto a través da convocatoria de 2014 das subvencións á produción e coprodución audiovisual

  • ‘Sicixia’, filme de Ignacio Vilar subvencionado pola Agadic, estréase en 31 pantallas de toda España ‘Sicixia’, filme de Ignacio Vilar subvencionado pola Agadic, estréase en 31 pantallas de toda España

Carballo, 25 de novembro de 2016.- A longametraxe galega ‘Sicixia’, do realizador Ignacio Vilar, inicia o seu percorrido polo circuíto comercial español coa súa estrea en 31 salas de 19 localidades galegas e cinco do resto de España (Madrid, San Feliu de Llobregat, Tarragona, Valencia e Xixón). A película de Vía Láctea Filmes é un dos títulos subvencionados pola Consellería de Cultura e Educación a través da convocatoria anual de axudas públicas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á produción e coprodución audiovisual.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe en Carballo na presentación desta estrea xunto con Evencio Ferreiro, alcalde de Carballo; José Manuel López Varela, alcalde da Laracha; e unha representación do equipo de ‘Sicixia’ encabezada polo seu director, Ignacio Vilar, e o actor Monti Castiñeiras.

Fita galega e en galego

Na súa intervención, Jacobo Sutil subliñou que se trata dunha produción en galego realizada por un equipo técnico e artístico integramente galego. Neste sentido, destacou que ‘Sicixia’ dá conta da valía dos profesionais que integran a nosa industria audiovisual e do potencial de Galicia como escenario de rodaxe, ademais de poñer en valor a paisaxe, a cultura e as tradicións galegas diante do gran público.

“A Costa da Morte, a súa paisaxe, as súas xentes e as súas costumes son parte importante da cultura e da historia de Galicia; conforman un acervo cultural que nos identifica, nos distingue e nos prestixia como pobo, máis aínda cando isto se fai por medio do cinema para dar como resultado un produto capaz de competir en condicións de igualdade en calquera mercado internacional”, sinalou.

De feito, a primeira proxección internacional de ‘Sicixia’ tivo lugar a primeiros de outubro na vixésimo primeira edición do Festival Cine España de Toulouse (Francia), onde Marta Lado obtivo o premio á mellor interpretación feminina, e acaba de preestrearse en París e de participar no Festival Internacional de Cine de Xixón.

Sutil explicou que o proxecto –acometido por Vía Láctea Filmes tras o éxito acadado con ‘A esmorga’– contou para a súa materialización cunha achega de 260.000 euros a través da convocatoria de 2014 de axudas da Agadic á produción audiovisual na modalidade de longametraxes cinematográficas.

Igualdade de xénero

‘Sicixia’, que toma como título o termo astronómico que define o momento no que se aliñan os centros do Sol, da Terra e da Lúa, mestura ficción e realidade para retratar o patrimonio paisaxístico e cultural da Costa da Morte. Nesta historia, a través da que tamén se fomenta a igualdade de xénero, Monti Castiñeiras dá vida a un enxeñeiro que recibe o encargo de gravar os singulares sons da Costa da Morte. Alí coñece a unha guía local, interpretada por Marta Lado, que lle axudará a se mergullar na idiosincrasia desta zona de Galicia. No reparto figuran tamén Arantza Villar, Artur Trillo, Daniel Trillo e Tamara Canosa.

A nova película de Ignacio Vilar estréase hoxe en diferentes salas de A Coruña, A Estrada, A Rúa de Valdeorras, Caldas de Reis, Carballo, Cee, Ferrol, Lugo, Madrid, Marín, Monforte, Narón, O Barco de Valdeorras, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Sant Feliu de Llobregat, Tarragona, Valencia, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Viveiro e Xixón.

Comparte