Nova: A Banda da Balbina ofrece dous concertos na Rede de música ao vivo como gañadora do concurso Vas sacar nota
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
30/11/2016
A Banda da Balbina ofrece dous concertos na Rede de música ao vivo como gañadora do concurso Vas sacar nota
A Agadic colabora co certame que organiza a Radio Galega promovendo as actuacións dos grupos premiados no circuíto que xestiona con salas de toda Galicia
Os temas do seu novo traballo discográfico, ‘Convertindo cuncas en ferrados’, soarán mañá na Sala Sónar de Santiago e o sábado no Café Auriense de Ourense
Santiago, 30 de novembro de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación promove os concertos que A Banda da Balbina ofrecerá esta semana na Sala Sónar de Santiago e no Café Cultural Auriense de Ourense como grupo gañador do concurso musical ‘Vas sacar nota?’, que organiza cada verán a Radio Galega.
Ambas actuacións insírense, así mesmo, na programación da Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto que xestiona a Agadic en colaboración con salas de toda Galicia. No caso da Sónar, o concerto terá lugar mañá día 1 de decembro, ás 22.30 horas, mentres que no Auriense está programado para o sábado 3, ás 21.30 horas.
Premios do xurado e do público
A Axencia Galega das Industrias Culturais mantén a súa colaboración con este certame convocado a ravés do programa ‘Somos quen’ e no que A Banda da Balbina obtivo o ano pasado os premios do xurado e do público coa canción ‘O marco’. Este tema está incluído en ‘Convertindo cuncas en ferrados’, o seu segundo álbum, que editaron este ano tras o seu debut discográfico en 2008 con ‘Estomballada’.
A Banda da Balbina conta no seu haber con outro galardón da Radio Galega, o Apologhit, que gañou en 2009 e que lle supuxo un importante impulso para levar a cabo numerosas actuacións por toda Galicia, compartindo escenario con Mercedes Peón, Festicultores ou Os Cuchufellos, entre outros.
Neste novo traballo discográfico, o grupo segue apostando polos ritmos festeiros e a retranca nas súas letras, unida á musicalidade da lingua galega.