Nova: O Centro Coreográfico Galego pecha a xira de 2016 de As catro estacións
30/11/2016
O Centro Coreográfico Galego pecha a xira de 2016 de As catro estacións
Faino con tres funcións no Salón Teatro na capital galega
As coreografías de Iker Gómez e Kenneth Tindall acompáñanse de proxeccións de imaxes nesta recreación en clave contemporánea da composición de Vivaldi
Mercedes Suárez dirixiu esta produción propia do CCG, que establece un paralelismo coa riqueza da paisaxe galega nas distintas épocas do ano
Santiago, 30 de novembro de 2016.- O Salón Teatro de Santiago acolle esta semana o remate da xira de 2016 de ‘As catro estacións’, espectáculo do Centro Coreográfico Galego (CCG) que ofrecerá as súas tres últimas funcións neste espazo compostelán mañá xoves 1, o venres 2 e o sábado 3 de decembro, ás 20.30 horas.
A través das coreografías creadas especificamente por Iker Gómez e Kenneth Tindall, esta produción propia da compañía pública achégalles aos espectadores a súa recreación en clave contemporánea da famosa composición clásica de Antonio Vivaldi. A responsable do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez, asumiu tamén a dirección desta montaxe, coa que se busca continuar a difundir a danza entre o gran público. Neste caso, establécese un paralelismo coa paisaxe galega a través das coreografías contemporáneas e do onirismo das imaxes que se proxectan no escenario.
Equipo artístico
As bailarinas Ailén Ramos, Inés Vieites, Elena Roses e Raquel Santacruz, e os bailaríns Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal e Pablo Aradillas conforman o elenco seleccionado a través dunha convocatoria pública de audicións. O corpo de baile preparou este espectáculo xunto aos creadores das catro coreografías que o integran: o director e videocreador vasco Iker Gómez, colaborador habitual no programa formativo do CCG e titular da súa propia compañía de danza; e mais o británico Kenneth Tindall, un dos valores emerxentes na creación coreográfica internacional, como demostra a súa recente designación nos Dance Awards Critics Circle.
Gómez asina as variacións de ‘Primavera’ e ‘Inverno’, en tanto que Tindall asumiu as de ‘Verán’ e ‘Outono’. Outros membros do equipo artístico son Christelle Horna como repetidora, Alberto Casas no deseño de luces, Antonio Cid no vídeo e Manuel Lemos no deseño e fotografía. Tanto o son do espectáculo como a produción e a realización do vestiario foron levadas a cabo polo persoal propio do Centro Coreográfico Galego.
Estreado o pasado mes de setembro en A Coruña, Santiago será a última parada na xira de 2016 de ‘As catro estacións’, que tamén puido verse en Vigo, Rianxo, Vilagarcía de Arousa, Ourense, O Barco de Valdeorras e Pontevedra.
Venda de entradas
As entradas para as tres funcións no Salón Teatro poden adquirirse de xeito anticipado na billeteira electrónica entradas.abanca.com, así como fisicamente no despacho de billetes desde mañá e ata o sábado, a partir das 18.30 horas.