Nova: Cores con palabras premia as mellores obras pictóricas e poéticas da súa quinta edición

30/11/2016

Cores con palabras premia as mellores obras pictóricas e poéticas da súa quinta edición

Os autores premiados son Cristina Carou, Xosé Manuel Liste, Manuel Araújo, Marilia Villarino, María Teresa Llovet e Lea Rodríguez

A iniciativa posta en marcha polo Centro de Animación e Artes Plásticas Togariños conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura

Ao certame presentáronse este ano 165 traballos artísticos baixo as modalidades de Poesía e Pintura

 

  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no acto de entrega de premios O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no acto de entrega de premios

A Estrada (Pontevedra), 30 de novembro de 2016.- O certame de poesía e pintura Cores con Palabras premia as mellores obras pictóricas e poéticas da súa quinta edición, á que concorreron un total de 165 traballos artísticos baixo as modalidades de Poesía e Pintura. A iniciativa posta en marcha polo Centro de Animación e Artes Plásticas Togariños contou co apoio da Consellería de Cultura, a través da Secretaría Xeral de Cultura, e coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no acto de entrega de premios que se celebrou esta tarde na Sala Abanca, espazo que acolleu ata hoxe a mostra integrada polos 40 traballos finalistas.

García Gómez gabou a boa acollida desta quinta edición do certame, que cualificou como “unha boa iniciativa na posta en valor da lingua como vehículo de expresión artística e unha interesante oportunidade para dar a coñecer creadores noveis”. Participaron no acto, amais do secretario xeral, Puri Togariños, pintora e coordinadora do proxecto; Juan Constenla, tenente de alcalde; Rosalía Morlán, escritora; e o resto de integrantes do xurado.

165 traballos a concurso, seis premios e un accésit

Na categoría pictórica recibiron os premios Cristina Carou Mallo, coa obra ‘Flores’; Xosé Manuel Liste, pola obra ‘Cego con zanfoña’; e Manuel Araújo Friz, pola obra ‘2 x 1 = 3’; mentres que na categoría poética o fixeron María Teresa Llovet, polo traballo ‘Rapsodia dun fado’; Lea Rodríguez, polo traballo ‘As cores’ e Candela Neira, polo traballo ‘A pintura’. O xurado cualificador decidiu outorgar por unanimidade un accésit na modalidade de Pintura, que recibiu, Marilia Villarino Rodríguez-Rey pola peza ‘As costumes’. Conforme o establecido nas bases, fóronlles entregadas unha placa conmemorativa e mais unha escultura deseñada para o concurso.

Aos premios concorreron un total de 165 traballos artísticos baixo as modalidades de Poesía e Pintura, da autoría de persoas maiores de 55 anos e menores de 13, respectivamente. Os 40 traballos finalistas recibiron cadanseu diploma acreditativo, amais de integraren a mostra que, baixo o título homónimo ao certame, se puido visitar desde o día 21 deste mes ata esta mesma tarde na Sala Abanca estradense e tamén o catálogo divulgativo da edición 2016 de ‘Cores con Palabras’.

Comparte