Nova: Preestrea na Coruña da longametraxe galega ‘O ouro do tempo’
31/07/2014
Preestrea na Coruña da longametraxe galega ‘O ouro do tempo’
A fita, protagonizada polos galegos Ernesto Chao, Nerea Barros, Manuel Cortés e Marta Larralde, estrearase mañá na salas de cinema españolas tras o seu paso por destacados festivais internacionais
A Coruña, 31 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, quixo apoiar a chegada ás salas de cine da longametraxe de produción galega ‘O ouro do tempo’ acompañando o director Xavier Bermúdez e o resto do equipo na preestrea celebrada esta tarde na Coruña. A fita de Xamalú Filmes, subvencionada pola Xunta de Galicia, estrearase comercialmente mañá 1 de agosto en toda España tralo seu paso por destacados festivais internacionais.
A Consellería de Cultura e Educación contribuíu á realización desta película cunha achega de 323.239 euros, ao abeiro da convocatoria de axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) do ano 2010 para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural. ‘O ouro do tempo’ conta, así mesmo, coa participación de Televisión de Galicia.
Tal e como lle foi avanzado ao sector nunha sesión informativa organizada a primeiros deste mes por Cultura e Educación, proximamente publicarase a convocatoria de subvencións á produción e coprodución audiovisual correspondente a 2014 cunha dotación de 2.000.000 euros, orzamento que supón un incremento do 81,82 por cento respecto a 2013.
Aplauso da crítica internacional
Xesús Vázquez Abad acudiu xunto co director da Agadic, Jacobo Sutil, a este pase especial nos Cantones Cines El Puerto da Coruña, onde tivo a oportunidade de felicitar persoalmente o director ourensán Xavier Bermúdez polo seu traballo, aplaudido pola crítica durante o período de exhibición previa en festivais internacionais. Foi o caso, por exemplo, da súa participación como única fita española en competición oficial na pasada edición de Karlovy Vary (República Checa), un dos 11 festivais 'clase A' do circuíto internacional, así como no Festival de Cine Español de Málaga.
A fita tamén foi seleccionada para competir nos certames de Haifa (Israel), Films d'Amour de Mons (Bélxica), Love is Folly de Varna (Bulgaria) –onde foi galardoada co Premio Especial– e no Regionfun de Katowice (Polonia), festival que o vindeiro mes de outubro lle dedicará unha retrospectiva a Xavier Bermúdez.
A historia
Cos galegos Ernesto Chao, Nerea Barros, Manuel Cortés e Marta Larralde nos papeis principais, ‘O ouro do tempo’ conta a historia dun médico rural que durante máis de corenta anos garda na súa casa o cadáver crioxenizado da súa muller movido polo seu tolo amor por ela e unha gran ambición médica. Porén, coa enerxía e a saúde moi minguadas, vese obrigado a contratar os servizos dunha enfermeira nova para poder seguir mantendo esta situación.
En palabras do propio director, ademais de amosar a loita entre o amor e o tempo, e viceversa, a fita reflicte como “ás veces, cando as grandes paixóns descansan, as pequenas cousas do mundo e da vida espertan para nós”.
A película chega mañá ás carteleiras de Galicia, Madrid, Cataluña, Castela-A Mancha, País Vasco e Baleares, para continuar posteriormente a súa distribución polo resto de España. Na nosa Comunidade poderá verse nos Cantones Cines El Puerto da Coruña, nos Multicines Norte de Vigo e nos Duplex de Ferrol.