Nova: A Fundación Camilo José Cela amosa a afección coleccionista do Nobel galego
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
08/12/2016
A Fundación Camilo José Cela amosa a afección coleccionista do Nobel galego
A mostra poderá verse na casa do escritor en Iria Flavia ata o 14 de xaneiro
Santiago, 8 de decembro de 2016.- A Fundación Pública Galega Camilo José Cela, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acolle ata o vindeiro 14 de xaneiro a mostra ‘CJC, o gran coleccionista: Máis que coleccionar, amontoo’, coa que se amosa ao público unha das grandes afeccións do premio Nobel galego.
A exposición consta dunhas 200 pezas, entre as que se poden observar caixas de mistos, cromos, billetes de lotería, postais, caixas de latón, vitolas, selos, moedas e billetes antigos…, así coma unha amálgama de obxectos curiosos. Entre eles cabe destacar un perfil do carril da vía da compañía ferroviaria The West Galicia Railway Company (primeira compañía ferroviaria de Galicia, da que era xerente John Trulock, o avó materno do autor) e unha escarpia para a suxeición da vía da mesma compañía; unha cédula do rei Carlos II do século XVII; e mesmo unha serie de discos de vinilo, un deles do cantante Raphael dedicado por este a Cela.
Xa máis relacionado coa súa traxectoria literaria, poden verse na mostra as pranchas xilográficas coas que se fixo a revista fundada e dirixida por Camilo José Cela en Palma de Mallorca, ‘Papeles de Son Armadans’; e un exemplar da ortografía e da gramática publicadas pola Real Academia Española nos séculos XVIII e XIX.
Un ano de homenaxes
‘Camilo José Cela, O gran coleccionista’, busca afondar nunha das facetas máis descoñecidas do autor, o seu costume de coleccionar, que el mesmo definía dicindo que “O afán coleccionista que, segundo os psiquiatras é unha doenza mental de carácter leve e non perigoso, é algo xa tan vello como o mesmo mundo […]. Colecciónase todo ata o máis insospeitado, e, ben mirado, a lista completa de todo o coleccionable tampouco sería unha mala colección”.
A mostra enmárcase no amplo abano de actividades que se están a impulsar este ano co gallo do centenario do nacemento do escritor, e que ten o seu máximo expoñente na exposición ‘Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade’, que se pode visitar na Cidade da Cultura de Galicia, e na que se conforma un retrato poliédrico sobre Cela, amosando a súa actividade como novelista, articulista, dramaturgo e poeta pero tamén como editor, pintor, coleccionista ou actor.