Nova: Descuberta das paisaxes culturais de Ourense a través da ollada do marqués de Santa María del Villar

09/12/2016

Descuberta das paisaxes culturais de Ourense a través da ollada do marqués de Santa María del Villar

O Museo Arqueolóxico provincial organiza esta mostra fotográfica que pode verse ata o 19 de febreiro na sala de exposicións Afundación da cidade das Burgas

Ourense, 2 de decembro de 2016.-  As fotografías de Ourense realizadas por Diego Quiroga Losada (1880-1976), marqués de Santa María del Villar son as protagonistas dunha exposición organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, que desde hoxe e ata o próximo 19 de febreiro amosarase na sala de exposicións Afundación da cidade das Burgas.

“Documento Estético. Fotografías de Ourense do marqués de Santa María del Villar” é o título deste proxecto expositivo, “que nos brinda a oportunidade de viaxar a través do tempo por algunhas das paisaxes culturais da provincia, a partir das imaxes captadas por Quiroga Losada na súa viaxe a Galicia a finais da década dos anos cincuenta”. Así o asegurou a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, durante a rolda de prensa de presentación da mostra, na que participou xunto co director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez, e mais co comisario da exposición, Avelino Rodríguez.

Díaz Mouteira destacou que a actividade do Museo Provincial, xestionado pola Xunta de Galicia, vai máis alá do campo da arqueoloxía, subliñando que mesmo constitúe un organismo vivo cun papel especialmente activo na posta en valor e na difusión do noso patrimonio cultural. “Esa preocupación polo patrimonio cultural foi tamén unha constante na traxectoria vital e profesional do marqués de Santa María del Villar que foi un fotógrafo de orixinal personalidade, cunha profunda preocupación pola súa protección e defensa”, asegurou a delegada territorial.

A mostra, que permanecerá aberta ao público até o día 19 de febreiro, ocupará o espazo do andar soto da Sala de exposicións Afundación de Ourense e a entrada é de balde. Despois, terá carácter itinerante e achegará o seu contido fotográfico a distintas comarcas da provincia para seguir difundindo entre a cidadanía a obra de Quiroga Losada. 

Comparte