Nova: Nasdrovia presenta no Salón Teatro a obra de Manuel Lourenzo Illa/Ollo

15/12/2016

Nasdrovia presenta no Salón Teatro a obra de Manuel Lourenzo Illa/Ollo

A compañía lucense de Gustavo Fouce e Simón Piñón actúa na sede do Centro Dramático Galego en Santiago mañá e o sábado, ás 20.30 horas

Leva a escena este texto do último gañador do Premio Álvaro Cunqueiro da Agadic que ofrece unha dobre lectura –como traxedia e como farsa– do enfrontamento entre Ulises e Sileno nun contexto contemporáneo

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2016.- A compañía Nasdrovia chega esta semana ao Salón Teatro de Santiago para poñer en escena ‘Illa/Ollo’, adaptación da obra ‘Illa’ de Manuel Lourenzo baixo a dirección de Roi Vidal. Gustavo Fouce e Simón Piñón dan vida a Ulises e Sileno nunha revisión contemporánea desta historia clásica, que poderá verse na sede do CDG mañá e o sábado, ás 20.30 h.

Nesta montaxe, o enfrontamento entre Ulises e Sileno cando o rei de Ítaca está encerrado na cova do ciclope Polifemo achégalle ao público como a loita heroica  contra o monstruosos se traslada á sociedade actual. Ademais, a versión de Nasdrovia converte o texto curto ‘Illa’ en ‘Illa/Ollo’ para ofrecer dúas aproximacións diferentes a este enfrontamento: en primeiro lugar como traxedia e en segundo, como farsa.
 
Para esta nova produción, a compañía bota man de dous nomes que representan a historia do teatro galego profesional e os novos valores da escena galega actual: Manuel Lourenzo e Roi Vidal, gañadores respectivamente da última edición dos premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques na modalidade de adultos, ambos convocados pola Axencia Galega das Industrias Culturias (Agadic).
 
A posta en escena relaciona aberta e directamente este episodio do drama satírico de Eurípides con algúns dos temas vixentes nos nosos días, como os perigos do mundo do mar, o conformismo social ou a crise do sistema capitalista. Así, o texto pode lerse como unha metáfora da confrontación entre unha ideoloxía loitadora (Ulises) e outra conformista (Sileno) perante as inxustizas dunha opresión (Polifemo).
 
Público adolescente
O espectáculo está recomendado a partir dos 13 anos de idade e especialmente ideado para lle achegar aos espectadores adolescentes unha historia clásica desde un contexto contemporáneo.
 
Gustavo Fouce e Simón Piñón son os integrantes da compañía Nasdrovia, con sede creativa en Lugo, que con este espectáculo retoma a súa actividade despois dun par de anos centrada en diferentes proxectos educativos. Os seus compoñentes teñen colaborado, ademais, con outras formacións como Mircromina Títeres de Mondoñedo, ArtesaCía da Coruña ou Yázabro de Lugo.
 
Venda de entradas
A venda de entradas para as dúas funcións de ‘Illa/Ollo’ en Santiago está xa operativa a través da web entradas.abanca.com. Poderán adquirirse, así mesmo, no despacho de billetes do Salón Teatro mañá e o sábado desde as 18.30 horas.
 
Tras as representacións de Nasdrovia, a programación de Nadal continuará na sede do CDG coa estrea de ‘Cousas que trouxo a chuvia’, da Aula de Teatro Universitario da Universidade de Santiago de Compostela, os días 19 e 20; e co ciclo Gran Teatro para os Máis Pequenos. Esta programación infantil inclúe tres espectáculos xunto a unha serie de obradoiros sobre o oficio escénico: ‘Xurdefet’, de Berrobambán, co Taller da Luz os días 22 e 23; ‘O poder de Amabel’, de Pérez&Fernández, co Taller de Monicreques os días 29 e 30; e ‘A danza da choiva’, de Elefante Elegante, co Taller do Son os días 7 e 8 de xaneiro.
 
Ademais, o 27 de decembro terá lugar o concerto de presentación do libro disco ‘Cantos de poeta’, primeiro traballo da banda Gelria.

Comparte