Nova: A mostra Manuel María. Beleza, amor e compromiso conclúe a súa itinerancia en Celanova

17/12/2016

A mostra Manuel María. Beleza, amor e compromiso conclúe a súa itinerancia en Celanova

O proxecto itinerante impulsado conxuntamente por Cultura e mais pola Casa-Museo Manuel María despide a programación conmemorativa das Letras Galegas 2016 da Xunta logo de visitar desde maio trece puntos da xeografía galega para achegarlle á cidadanía a figura, a vida e a obra do autor chairego

Santiago, 17 de decembro de 2016.- A mostra Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004), promovida conxuntamente pola Xunta de Galicia, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, e mais pola Casa-Museo Manuel María pecha esta fin de semana no concello ourensán de Celanova a itinerancia que a levou a trece puntos da xeografía galega desde o mes de maio.

O proxecto expositivo foi especialmente deseñado baixo a coordinación da Fundación Manuel María de Estudos Galegos para achegarlle á cidadanía a figura, a vida e a obra do autor chairego homenaxeado polas Letras Galegas 2016. A mostra aborda, dun xeito ameno e gráfico, a personalidade do autor e a evolución da súa obra ao longo das distintas etapas vitais por medio de 10 paneis que se complementan cun folleto informativo sobre a figura, a vida e a obra do escritor.

A identificación do poeta coa terra e a paisaxe, o seu compromiso coa lingua galega, a súa faceta de clásico e precursor da vizosa literatura infantil galega da que hoxe gozamos, a súa participación na vida política, a súa poesía intimista ou a variedade de xéneros literarios son algúns dos aspectos nos que afonda a mostra.

Desde o pasado mes de maio, púidose visitar na Coruña, Outeiro de Rei, Vilalba, Santiago de Compostela, Marín, Noia, Pontevedra, Vigo, Monforte de Lemos, Lugo, Ferrol, Ourense e Celanova, en cuxa Casa dos Poetas fai parada ata mañá.

Comparte