Nova: A Aula de Teatro da USC estrea Cousas que trouxo a chuvia na sede do CDG

17/12/2016

A Aula de Teatro da USC estrea Cousas que trouxo a chuvia na sede do CDG

Roberto Salgueiro é o autor e director da nova montaxe escénica da Universidade de Santiago, que se representará no Salón Teatro o luns 19 e o martes 20

Julia Ammerman, Lara Pouso, Carmen Tomás e Alba López interpretan esta peza sobre as historias cotiás dun grupo de mulleres reunidas nunha abafante tarde de verán na que rompe a chover
 

  • ‘Cousas que trouxo a chuvia’ ‘Cousas que trouxo a chuvia’

Santiago, 17 de decembro de 2016.- O Centro Dramático Galego (CDG) volve abrirlle as portas da súa sede no Salón Teatro de Santiago á Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que estreará neste escenario a súa primeira montaxe do curso 2016-2017. ‘Cousas que trouxo a chuvia’ é o título deste espectáculo, escrito e dirixido por Roberto Salgueiro, que se representará o luns 19 e o martes 20, ás 21.00 horas.

Julia Ammerman, ao piano, e Lara Pouso, Carmen Tomás e Alba López interpretan esta proposta que se desenvolve arredor dunha mesa de amasar nunha abafante tarde de verán na que rompe a chover. Xunto a elas, o público descubrirá historias cotiás sobre os veráns da infancia no campo, un pai ausente, unha nai que amasaba, a seriedade dunha profesora de balllet ou a fábrica na que se traballaba de sol a sol.

Entrada gratuíta

A entrada para ambas as funcións da Aula de Teatro da USC na sede do Centro Dramático Galego é libre ata completar a capacidade e previa retirada dos convites na billeteira do teatro, que estará aberta ao público o luns e o martes desde as 19.00 horas.

Tras estas representacións, a carteleira de Nadal continuará co ciclo Gran Teatro para os Máis Pequenos. Este programa infantil inclúe tres espectáculos xunto a unha serie de obradoiros sobre o oficio escénico: ‘Xurdefet’, de Berrobambán, co Taller da Luz os días 22 e 23; ‘O poder de Amabel’, de Pérez&Fernández, co Taller de Monicreques os días 29 e 30; e ‘A danza da choiva’, de Elefante Elegante, co Taller do Son os días 7 e 8 de xaneiro.

Ademais, o 27 de decembro terá lugar o concerto de presentación do libro disco ‘Cantos de poeta’, primeiro traballo da banda Gelria.
 

Comparte