Nova: O Arquivo de Galicia ofrece un percorrido pola paisaxe e o patrimonio a través dos seus fondos
20/12/2016
O Arquivo de Galicia ofrece un percorrido pola paisaxe e o patrimonio a través dos seus fondos
Este relato arredor das diversas paisaxes, natural, humanizada e protexida, no eido da nosa comunidade poderá visitarse até o 20 de marzo de 2017
Santiago, 20 de decembro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, inaugurou no Gaiás a última mostra do ano organizada polo Arquivo de Galicia, ‘Paisaxe e patrimonio: unha visión do territorio a través do Arquivo de Galicia’.
A exposición está dividida en tres seccións dedicadas a cada tipo de paisaxe: Natural, Humanizada e Protexida, e conformada por preto de 100 pezas documentais. Esta temporal pretende difundir o interese dos documentos que custodia o Arquivo, como fonte de información para os estudos sobre a evolución da paisaxe, e “pon o acento –en palabras do conselleiro– en que a paisaxe é, como os propios arquivos, un patrimonio a preservar”. Posto que, ao igual que a paisaxe contribúe a formación das culturas locais, os arquivos contribúen a salvagarda da memoria individual e colectiva.
A maiores, Román Rodríguez explicou que a nosa comunidade está “á vangarda no desenvolvemento de actuacións en materia de educación e formación medioambiental e de conservación do patrimonio natural e cultural”. Deste xeito, Galicia é a primeira comunidade en ofertar a materia de “Paisaxe e Sustentabilidade”; hai diversos programas educativos, no marco do Plan Proxecta, para incentivar a formación medioambiental; e o Sistema Universitario de Galicia contará nos vindeiros anos co primeiro grao interuniversitario de Paisaxe. O titular de Cultura concluíu a súa intervención afirmando que “en nós está saber facer desta riqueza paisaxística unha grande oportunidade, converténdoa nun valor universal excepcional.”
Na inauguración da mostra participaron, ademais do conselleiro, o secretario xeral de Cultura, o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e O.U., a directora do Instituto de Estudos do Territorio, a directora xeral do Patrimonio Cultural, a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, a subdirectora de Arquivos e as coordinadoras da mostra, Concepción García García e María del Mar García Miraz.
Gozar e reflexionar sobre a paisaxe
O Arquivo de Galicia, cabeceira do sistema autonómico, custodia un gran número de documentos que reflicten as actuacións levadas a cabo sobre o territorio ao longo do tempo. Amosar unha escolma de preto de 100 documentos, tanto de tipo textual como cartográfico e fotográfico, para o goce e reflexión sobre a paisaxe de Galicia de todos os visitantes é o obxectivo principal desta exposición, que poderá visitarse no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia até o 20 de marzo de 2017.
Para esta mostra seleccionáronse pezas documentais de distintos fondos que se custodian neste Arquivo. A súa procedencia atópase tanto na propia Administración autonómica, como nos fondos da Casa de Banca e Comercio Bengoechea, da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela e da empresa Fotografía Aérea y Terrestre S.L.
Documentación histórica e fotografía aérea
O arquivo da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela foi depositado no Arquivo de Galicia este mesmo ano. A súa actividade institucional revélasenos de gran relevancia no fomento da economía galega desde a súa creación no século XVIII. Serven como exemplo disto algúns documentos expostos nesta mostra sobre a desecación da lagoa de Antela, o trazado do primeiro ferrocarril na Galicia do século XIX, informes sobre a estrutura da propiedade agraria etc.
Pola súa banda, o fondo de Fotografía Aérea y Terrestre S.L. (FOAT) ingresou no Arquivo de Galicia no ano 2015. Esta empresa baseou a súa actividade na fotografía oblicua máis próxima con perspectiva e con fins publicitarios. A fotografía aérea ten a vantaxe de recoller moita información nunha soa vista.
As imaxes de FOAT abarcan unha secuencia temporal de máis de 30 anos (1961-1992) de intensa evolución na paisaxe, polo que se pode realizar un percorrido visual moi detallado da evolución urbanística das cidades e moitos pobos galegos. Isto fai desta agrupación documental unha fonte de primeira orde para toda clase de estudos que analicen o territorio. Trátase do fondo con máis representación na exposición e complementa a documentación da Xunta de Galicia.