Nova: Pepe Galán presenta no Museo de Belas Artes da Coruña unha instalación arredor do escultor Isidoro Brocos
21/12/2016
Pepe Galán presenta no Museo de Belas Artes da Coruña unha instalación arredor do escultor Isidoro Brocos
O proxecto é froito do obradoiro realizado por Galán no ciclo ‘Artistas no museo’ e nace dun roteiro polos espazos e rúas da cidade herculina vinculados coa traxectoria vital do artista galego
A Coruña, 21 de decembro de 2016.- ‘Ollada de Brocos’ é o título da nova instalación do Museo de Belas Artes da Coruña, un proxecto que nace do obradoiro impartido polo artista coruñés Pepe Galán no marco do ciclo ‘Artistas no museo’ e que ten como fío condutor a figura do escultor decimonónico Isidoro Brocos.
A instalación foi presentada esta mañá en rolda de prensa por Pepe Galán, pola directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Penas; e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen salientou as iniciativas que vén promovendo o museo en colaboración con autores e autoras do panorama artístico actual. Segundo afirmou, estas propostas constitúen unha oportunidade única para que o público poida compartir con eles o seu universo artístico e as técnicas do seu proceso creativo, ademais de coñecer de preto o significado da súa obra. Así mesmo, puxo en valor o feito de que, a través destes obradoiros, “os nosos e as nosas artistas teñan ocasión de implicarse de forma activa na programación habitual de actividades que vén desenvolvendo o museo, ao tempo que se reforza a difusión pública da súa obra”.
Finalmente, o secretario xeral destacou “a contribución que supoñen estas intervencións para a dinamización do museo, con propostas que propician un diálogo entre o artista coa arquitectura do museo e coa colección”. De feito, a sala na que se exhibe ‘Ollada de Brocos’ inclúe na exposición permanente pezas escultóricas do propio Isidoro Brocos. Ademais, o Museo de Belas Artes conta con obras doutras artistas sobre Brocos, como un retrato do escultor realizado por Joaquín Vaamonde.
A xeografía vital de Brocos na Coruña
A instalación ‘Ollada de Brocos’ xorde dun roteiro polo concello da Coruña no que os e as participantes tiveron ocasión de percorrer –realizando debuxos e fotografías– os espazos e as rúas vinculados coa vida e coa traxectoria artística de Brocos, con paradas en espazos como a Escola Elemental de Artes Industriais da Coruña, a Escola Provincial de Belas Artes, a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e a Escola Superior de Deseño Pablo Picasso, así como na rúa San Roque, onde Brocos tiña o seu obradoiro e a súa residencia familiar.
As experiencias e os materias que resultaron deste percorrido plasmáronse nun audiovisual musicado coa peza “Muiñeira para piano 1910”, escrita por Brocos, e na propia instalación, conformada por debuxos orixinais, elementos icónicos realizados dixitalmente e un mapa da segunda metade do século XIX –época na que viviu Brocos–, que se xustapón a un mapa actual para situar o público nos principais lugares polos que transitou o artista, vinculados co seu mundo persoal e profesional.
Isidoro Brocos
Isidoro Brocos Gómez (Santiago de Compostela, 1841-1914) é un dos artistas máis destacados do Rexurdimento galego. A súa traxectoria profesional estivo ligada á escultura e ao gravado, ademais de ser un destacado debuxante. Formado na Escola de San Fernando de Madrid, así como en París e en Roma, Brocos exerceu como profesor na Escola de Artes e Oficios da Coruña, onde tivo entre os seus alumnos a Pablo Picasso.