Nova: O Centro Ramón Piñeiro homenaxea o investigador e académico Xesús Ferro Ruibal
22/12/2016
O Centro Ramón Piñeiro homenaxea o investigador e académico Xesús Ferro Ruibal
Recibe o recoñecemento por toda unha vida dedicada ao estudo, á difusión e á dignificación da lingua galega
Santiago, 22 de decembro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta mañá na homenaxe ao profesor, investigador, académico, teólogo, escritor e divulgador Xesús Ferro Ruibal, promovida polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP), ao que o galardoado dedicou a maior parte da súa traxectoria profesional.
Nun acto que contou coa presenza dos secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente, o conselleiro destacou tanto a valía persoal como académica de Ferro Ruibal, que fixo “achegas de valor incuestionable” en eidos do saber lingüístico e filolóxico como os da dialectoloxía, a lexicografía, a onomástica, a fraseoloxía e a sociolingüística, entre outros.
Pero por riba de todo, Román Rodríguez destacou que “o común denominador da súa biografía persoal e intelectual foi a dignificación da lingua galega” e a súa divulgación a través dos proxectos que impulsou, entre os que cómpre destacar a liña de investigación en Fraseoloxía Galega e a súa revista ou o coñecido programa de televisión “Ben falado” que lle achegou ao longo de varios anos a lingua galega á audiencia da televisión pública galega. “Ferro Ruibal foi a visión positiva da lingua, o noso particular Lázaro Carreter audiovisual”, dixo o conselleiro, que gabou a capacidade deste estudoso de trasladar dun xeito ameno á cidadanía cuestións filolóxicas moi útiles para todos os falantes. Así mesmo, agradeceu a súa implicación durante tres lustros no proxecto do Ramón Piñeiro, que axudou a crear, impulsar e consolidar.
Xesús Ferro Ruibal (Rebón, Moraña, 1944) rematou os seus estudos de Teoloxía no Seminario de Santiago e de Filoloxía Clásica en Roma. Foi catedrático de latín no ensino medio e investigador no CIRP, e ten publicada unha extensa obra no eido da filoloxía grecolatina e da fraseoloxía (da súa autoría é o coñecido Refraneiro Galego Básico). En 1996 ingresou como académico de número na Real Academia Galega, na que se ocupa de asuntos de sociolingüística, onomástica e norma.
Para alén do seu labor na RAG e no CIRP, desenvolveu tamén proxectos educativos, tecnolóxicos e audiovisuais: o xogo educativo de cultura galega para distintos niveis “O Preguntoiro” (2002) e mais o “Ben falado” (2008), microespazo de lingua galega en 480 capítulos que emitiu a Televisión de Galicia baixo a encomenda da Secretaría Xeral de Política Lingüística e que posteriormente se editou en formato DVD para os centros de ensino.