Nova: Inaugúrase a nova biblioteca de Lalín
22/12/2016
Inaugúrase a nova biblioteca de Lalín
Román Rodríguez asistiu ao acto oficial de apertura, no que salientou que neste novo espazo tamén teñen cabida as novas tecnoloxías e o encontro cidadán
A Consellería achegou 40.000 euros a este espazo
Lalín (Pontevedra), 22 de decembro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu ao acto de inauguración da nova biblioteca municipal de Lalín, un espazo que contou co apoio do seu departamento, que achegou 40.000 euros para a adquisición do novo mobiliario.
Nunha intervención repleta de referencias persoais e lembranzas, Román Rodríguez salientou que este novo edificio é unha “metáfora” da transformación de Lalín nos últimos anos. Subliñou, así mesmo, que a importancia deste espazo vai máis aló de ser unicamente un contedor de libros, xa que no edificio conxúganse as novas tecnoloxías (conta cunha sala audiovisual) con outros usos de carácter socio-cultural como é o caso do seu salón de actos que, de seguro – dixo- exercerá como punto de encontro cidadán.
A nova biblioteca, que se ubica na antiga Casa Consistorial do concello lalinense, está equipada, ao abeiro do convenio asinado coa Consellería, con mesas, cadeiras, butacas, mostrador e estantes, entre outros. Conta ademais cunha sala específica para traballos en grupo, espazos para o estudo, sala infantil, salón de actos, sala de audiovisuais e conexión inalámbrica a internet. A colección de fondos está composta por máis de 20.000 volumes.
A dotación de mobiliario por parte da Consellería é unha mostra do compromiso deste departamento autonómico cos espazos locais destinados á cultura, que se manifesta tanto a través deste tipo de acordos como dunha liña específica de axudas destinada a equipamento deste tipo de infraestruturas. Trátase, ademais, dun exemplo de colaboración institucional entre Xunta e administración local, unha vía que axuda a mellorar estes espazos e a ofrecer unha maior oferta sociocultural para a poboación, neste caso de Lalín, que así poderá gozar dun servizo de calidade ao longo do ano.