Nova: O grupo Gelria preséntase en Galicia co concerto Cantos de poeta
24/12/2016
O grupo Gelria preséntase en Galicia co concerto Cantos de poeta
O trío galego-catalán que integran Mario G. Cortizo, Federico Mosquera e Elena Tarrats fai un percorrido musical pola mellor poesía galega de todos os tempos
O primeiro traballo discográfico desta formación inclúe textos de Manuel Rivas e Xosé Lois Romero e musica poemas de Rosalía, Curros, Cunqueiro, Manuel Antonio, Uxío Novoneyra ou Chus Pato
Santiago, 24 de decembro de 2016.- O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 27 de decembro, ás 20.30 horas, o concerto de presentación en Galicia de Gelria, o trío galego-catalán que leva o nome do navío holandés no que navegou Manuel Antonio. Será co recital ‘Cantos de poeta’, un disco que musica catorce poemas galegos de todos os tempos: de Rosalía a Chus Pato, pasando por Curros Enríquez, Cunqueiro, Manuel Antonio, Uxío Novoneyra ou Manuel María.
A banda, creada en 2014 por Elena Tarrats (voz), Mario G. Cortizo (percusión) e Federico Mosquera (piano) estreouse a pasada primavera no mercado discográfico con este proxecto en formato de libro-disco, acompañado de fotografías de Juan Luis Rúa e ilustracións de Sonia García Vidal. Ademais, o escritor Manuel Rivas reinterpreta e reescribe os 14 poemas clásicos, unha achega á que se uniu o investigador e músico Xosé Lois Romero, quen participou na gravación dalgúns temas e escribiu unha introdución.
O camiño proposto por Gelria principia na época do Rexurdimento poñéndolle música a Rosalía de Castro (‘Castellanos de Castilla’) e Curros Enríquez (‘A nena na fonte’), inclúe poetas como Álvaro Cunqueiro (‘Amenceu bico ou onda do mar’), Manuel Antonio (‘Sós’), Uxío Novoneyra (‘Cousos dos lobos’) ou Manuel María (‘Zocas’) e culmina cun poema de 2013 de Chus Pato (‘Unha luz que se afasta e se nos dirixe’).
Son orgánico
‘Cantos de poeta’, recital ao que se sumará no Salón Teatro o contrabaixo de Pablo Pérez Sanmamed, preséntanos a visión musical de Gelria destes autores, achegándonos composicións propias inspiradas no espírito dos versos, dos escritores e das épocas, respectando o máximo tanto o texto orixinal como o seu ritmo e procurando que sexa a música a que se adapte á natureza dos textos. Así, cada autor e cada peza determina o seu propio estilo musical, dende a música tradicional ata a contemporánea, pasando polo jazz.
A este coidado especial á hora de compoñer a música cómpre unirlle o proceso de elaboración, xa que estamos a falar dun disco de produción propia gravado integramente en directo, coa participación activa dunha ampla nómina de colaboradores no proxecto e sen modificacións nin alteracións na post-produción, o cal lle outorga a ‘Cantos de poeta’ un son orgánico e natural, tal como foi concibido e interpretado.
As localidades para ‘Cantos de poeta’ están xa á venda no portal electrónico entradas.abanca.com ao prezo de 8 euros; e poderán mercarse tamén na billeteira do Salón Teatro por 10 euros o mesmo día do concerto desde as 18.30 horas.