Nova: A Axencia Galega das Industrias Culturais destina 115.000 euros ás axudas a festivais do sector audiovisual

27/12/2016

A Axencia Galega das Industrias Culturais destina 115.000 euros ás axudas a festivais do sector audiovisual

Continúa á alza o orzamento desta liña de subvención, convocada cun aumento do 9,5 por cento respecto a 2016

O obxectivo é apoiar o labor de difusión da produción cinematográfica e/ou televisiva que levan a cabo estes encontros
 

Santiago, 27 de decembro de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais fixo públicas no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases das súas subvencións a festivais do sector audiovisual, para as que en 2017 reserva un orzamento de 115.000 euros. Esta cifra supón un aumento do 9,5 por cento na súa dotación respecto a 2016, polo que se mantén a liña ascendente na dotación destas axudas, que xa o ano pasado crecera nun 16 por cento respecto á convocatoria de 2015.

Entre os requisitos para optar ás subvencións, que manteñen o prazo de presentación aberto desde hoxe e ata o 26 de xaneiro, están que estes festivais teñan lugar entre o 1 de novembro de 2016 e o 31 de outubro de 2017, posúan unha duración mínima de 4 xornadas con polo menos 20 proxeccións e teñan realizado tres edicións consecutivas anteriores á publicación da convocatoria. Ademais, cómpre que a programación proposta conteña un 5% de títulos ou cinco sesións de filmes producidos en Galicia ou dirixidos por profesionais galegos.

Concorrencia competitiva

A Agadic convoca por cuarto ano consecutivo este programa específico de subvencións co que regula, a través dunha convocatoria pública e en réxime de concorrencia competitiva, o seu apoio económico a certames, semanas e mostras audiovisuais. O seu obxectivo é optimizar, sistematizar e garantir a transparencia na adxudicación dos recursos públicos a este tipo de eventos, de xeito que o orzamento dispoñible para este fin se distribúe de acordo cunha serie de criterios obxectivos. Unha comisión integrada por expertos independentes será a encargada de analizar as propostas presentadas, así como de valorar a súa traxectoria, programación, viabilidade e interese.

A través desta liña de apoio, a Consellería de Cultura e Educación contribuíu economicamente ás pasadas edicións do Play-Doc de Tui, o Festival Internacional de Cine Curtocircuíto de Santiago de Compostela, o Festival de Cans, a (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, o Festival Internacional de Curtas FIC-Bueu e o FKM Festival Internacional de Cinema Fantástico da Coruña.

Comparte