Nova: Contacontos e visitas teatralizadas para achegarlles aos máis novos o patrimonio arqueolóxico

02/08/2014

Contacontos e visitas teatralizadas para achegarlles aos máis novos o patrimonio arqueolóxico

Desde a súa apertura ao público, vén desenvolvendo unha oferta cultural, educativa e lúdica encamiñada a difundir a relevancia dos petróglifos

  • O retorno, visita teatralizada O retorno, visita teatralizada
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, na visita ao parque O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, na visita ao parque

Campo Lameiro, 2 de agosto de 2014.- O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro ofrece durante este verán, dentro do contexto do proxecto europeo GESTART, no que participan socios procedentes de Portugal, España, Italia e Gales, un conxunto amplo e diversificado de actividades para todos os públicos como un contacontos ao pé da Laxe dos Carballos que ten por título 'O Señor do Bosque' e a visita teatralizada 'O Retorno', coas compañías Os Quinquilláns e Volta e Dalle. As actividades están incluídas no prezo da entrada do Parque.

Precisamente, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou nunha visita guiada ao Parque no que percorreu a parte principal da área arqueolóxica, que inclúe exemplos emblemáticos como a Laxe da Forneiriña, o Outeiro dos Cogoludos ou a impresionante Laxe dos Carballos. A visita rematou na recreación do poboado da Idade do Bronce, un espazo que permite ao visitante achegarse aos modos de vida da Idade do Bronce.

Desde a súa apertura ao público, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro vén desenvolvendo unha oferta cultural, educativa e lúdica encamiñada a difundir a relevancia dos petróglifos galegos. Así, o Parque Arqueolóxico converteuse no lugar ideal para coñecer os gravados rupestres de Galicia –un dos máis destacados conxuntos desta arte ao aire libre de Galicia-, descubrir o significado agochado nestas misteriosas figuras, e aproximarnos aos modos de vida dos nosos antepasados combinando o rigor científico e unha presentación atractiva, didáctica e amena.

 

Comparte