Nova: Homenaxe a Valle-Inclán co gallo do 81 aniversario do seu pasamento
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
05/01/2017
Homenaxe a Valle-Inclán co gallo do 81 aniversario do seu pasamento
Celebrouse unha ofrenda floral organizada pola fundación que leva o nome
Santiago, 5 de xaneiro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na ofrenda floral organizada no cemiterio de Boisaca pola Fundación Valle-Inclán co gallo do 81 aniversario do pasamento de Ramón María del Valle-Inclán. Cómpre tamén lembrar a figura de Isaac Díaz Pardo, de cuxo falecemento se cumpren hoxe 5 anos.
No marco deste acto, o titular do departamento autonómico de Cultura sinalou ao autor como figura senlleira da creación galega, un escritor cosmopolita e universal, sempre fiel ás súas orixes. Román Rodríguez describiu a Valle como un dos grandes renovadores da novela do século XX, importante figura do teatro español e como un vangardista que soubo anticiparse ás grandes tendencias do teatro universal. Así mesmo recordou que o pasado ano 2016 supuxo un salto de calidade no achegamento de Valle á cidadanía, coa ampla programación organizada desde o Goberno galego, e en colaboración coas principais entidades e organismos vinculados á figura deste autor, para conmemorar o 150 aniversario do escritor. Unha homenaxe que vai continuar este ano, da man das actividades que a Consellería ten preparadas a través do Centro Dramático Galego, que suporán a oportunidade de interpretar a súa obra en galego.
No acto participaron, entre outras autoridades, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e mais o vicepresidente da devandita fundación, José Juan Durán.