Nova: Elefante Elegante pecha o ciclo de Nadal do Salón Teatro con Danza da choiva

05/01/2017

Elefante Elegante pecha o ciclo de Nadal do Salón Teatro con Danza da choiva

O programa Gran teatro para os máis pequenos ofrece dúas funcións desta montaxe, ás que lles precederán dúas sesións do Taller do Son

Este espectáculo sen palabras combina teatro xestual, danza e manipulación de obxectos e monicreques nunha proposta para público familiar
 

  • O programa ‘Gran teatro para os máis pequenos’ ofrece dúas funcións desta montaxe o sábado e o domingo, ás que lles precederán dúas sesións do Taller do Son O programa ‘Gran teatro para os máis pequenos’ ofrece dúas funcións desta montaxe o sábado e o domingo, ás que lles precederán dúas sesións do Taller do Son
  • O programa ‘Gran teatro para os máis pequenos’ ofrece dúas funcións desta montaxe o sábado e o domingo, ás que lles precederán dúas sesións do Taller do Son O programa ‘Gran teatro para os máis pequenos’ ofrece dúas funcións desta montaxe o sábado e o domingo, ás que lles precederán dúas sesións do Taller do Son

Santiago, 5 de xaneiro de 2017.- O ciclo ‘Gran teatro para os máis pequenos’ do Salón Teatro de Santiago rematará esta fin de semana cunha nova oferta dobre que combina a posta en escena de ‘Danza da choiva’, de Elegante Elegante, cun taller de son para público infantil. Concluirá así a programación especial deseñada polo Centro Dramático Galego (CDG) para celebrar o Nadal na súa sede xunto aos espectadores máis novos, así como para facilitar a conciliación familiar durante estas festas.

O sábado 7, ás 19.00 horas, e o domingo 8, ás 18.00 horas, terán lugar as representacións de ‘Danza da choiva’, un espectáculo sen palabras no que Elefante Elegante bota man do teatro xestual, a danza e a manipulación de obxectos e monicreques para se preguntar que acontecería se de súpeto deixase de chover para sempre. Deste xeito, a montaxe aborda unha cuestión preocupante a través dunha posta en escena poética e visual. O obxectivo é combinar reflexión e diversión mediante efectos cómicos, plásticos e oníricos pensados para o público familiar e infantil, a partir dos 3 anos de idade.

María Torres e Gonçalo Guerreiro son os autores, directores e intérpretes desta ‘Danza da choiva’, ademais de asinar a dramaturxia e a escenografía. O deseño de iluminación correu a cargo de Dani Pais, mentres que as coreografías son de Ánxela Blanco; a música, de Mano Panforreteiro; e o vestiario, de Marcia Edleditsch.

O teatro por dentro

Ambas as funcións de Elefante Elegante no Salón Teatro estarán precedidas do Taller do Son, impartido por Elea López o sábado a partir das 17.00 h e o domingo, das 16.00 h. Xunto cos anteriores Taller da Luz e Taller de Monicreques, esta iniciativa busca achegarlles aos pequenos e pequenas diferentes aspectos do oficio teatral baixo o lema ‘Saca o artista que levas dentro’.

O CDG oferta 30 prazas para cada unha das sesións deste obradoiro, que serán adxudicadas por orde de reserva a través do teléfono 881 867 229. Os nenos e nenas poden participar sós neste taller, en tanto que nas funcións é necesario que estean acompañados por un adulto.

A entrada para o obradoiro está incluída no bono especial de Nadal, mentres que a tarifa normal é de 5 euros por sesión. O pago farase desde media hora antes do seu comezo na billeteira do Salón Teatro, onde poderán mercarse tamén as entradas para ‘Danza da choiva’.

Neste último caso, existe a posibilidade de adquirir tres billetes para unha mesma representación a prezo familiar (18 euros), así como entradas individuais a 8 euros. Ademais, a venda anticipada xa está dispoñible na web entradas.abanca.com.
 

Comparte