Nova: A gala dos Premios Mestre Mateo do Audiovisual celebrarase o 4 de marzo
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
09/01/2017
A gala dos Premios Mestre Mateo do Audiovisual celebrarase o 4 de marzo
A Axencia Galega das Industrias Culturais e a Academia Galega do Audiovisual asinaron un novo convenio de colaboración para a posta en marcha do programa de actividades vinculado á 15ª edición dos galardóns
Os encontros cos finalistas, as proxeccións dos traballos gañadores e candidatos e a colaboración con outras academias do resto do Estado reforzarán a gala como accións de recoñecemento da industria galega do cinema e da televisión
Santiago, 9 de xaneiro de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) volve apoiar a Academia Galega do Audiovisual (AGA) na organización dos Premios Mestre Mateo e dunha serie de actividades paralelas para reforzar o papel destes galardóns, que en 2017 celebran o seu décimo quinto aniversario, como instrumento de proxección social da industria galega do cinema e da televisión.
Jacobo Sutil, director da Agadic, e Carlos Artes, presidente da Academia, asinaron hoxe
o convenio de colaboración polo que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe á realización de diferentes accións vinculadas á convocatoria dos Mestre Mateo. O momento culminante será a gala de entrega das estatuíñas, que este ano se adianta máis dun mes e terá lugar o 4 de marzo no Palexco da Coruña.
Retransmisión televisiva
Ademais desta cerimonia, que será retransmitida por TVG, o programa de actividades da décimo quinta edición complétase cos Encontros Mestre Mateo de profesionais do audiovisual con estudantes das escolas galegas de imaxe e son, as Proxeccións Mestre Mateo para promover os traballos gañadores e candidatos, os actos de lectura e xuntanza de finalistas e a colaboración con outras academias e entidades do resto do Estado para difundir as obras premiadas fóra de Galicia.
Tal e como se recolle no documento asinado hoxe, o obxectivo deste convenio é impulsar a visibilidade social do labor desenvolvido polo sector audiovisual en Galicia durante 2016. Para isto, os Premios Mestre Mateo convocaron 25 categorías divididas en dúas modalidades: de produción e profesionais.
No mesmo convenio, recoñécese o traballo desenvolvido pola Asociación Galega do Audiovisual como impulsora e organizadora destes galardóns, que “poñen en valor a profesionalidade e calidade dun sector en auxe en Galicia”.