Nova: Cultura impulsa a renovación das coleccións da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
10/01/2017
Cultura impulsa a renovación das coleccións da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia
Destina 350.000 euros ao programa de axudas que ten como finalidade mellorar os fondos bibliográficos das bibliotecas e axencias de lectura municipais mediante a adquisición de libros, material sonoro, recursos electrónicos, videogravacións, partituras e material cartográfico
Estas subvencións, que poden solicitar os concellos desde mañá ata o 10 de febreiro, complementan a liña de axudas de 200.000 euros para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico, aberta ata o 6 de febreiro
Santiago, 9 de xaneiro de 2017.- A Secretaría Xeral de Cultura impulsa a mellora dos servizos da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia cunha nova convocatoria de axudas para a renovación dos fondos bibliográficos das bibliotecas e axencias de lectura municipais, a través da compra de monografías –tanto libro infantil como libro para adultos–, material sonoro, en CD ou vinilo; videogravacións en formato DVD ou Blu-ray, recursos electrónicos, partituras e material cartográfico, para o préstamo a domicilio, a súa consulta en sala ou en rede.
Con este fin de manter actualizados os fondos que configuran as coleccións da Rede de Bibliotecas, a Consellería de Cultura e Educación destina en 2017 un total de 350.000 euros para este programa de subvencións, o que supón un importante incremento orzamentario respecto da anterior convocatoria, dotada con 176.420 euros para as anualidades 2015-2016. Ademais, como novidade desde a súa posta en marcha, en 2014, este ano poderán optar ás axudas todos os concellos de Galicia, con independencia da súa poboación.
Este programa de axudas está dirixido a todos os concellos de Galicia que sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura que estean integradas na Rede de Bibliotecas Públicas, que realizasen un investimento en compra de fondos bibliográficos entre maio e decembro de 2016, que conten cun horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais, que cubrisen a estatística de bibliotecas de 2015 e que teñan informatizada a súa xestión.
Ata o vindeiro 10 de febreiro, os concellos interesados poderán presentar as súas solicitudes para participar no programa, cuxas bases se poden consultar en http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170109/AnuncioG0164-271216-0009_gl.pdf. As contías da subvención determinaranse en función do número de habitantes, desde os 800 euros para os de menos de 2.000 habitantes ata un máximo de 5.000 euros para os de máis de 50.000.
Actuacións de mellora das coleccións
O programa de mellora das coleccións complétase coa liña de axudas da Secretaría Xeral de Cultura para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico con destino ás bibliotecas e axencias de lectura municipais, de 200.000 euros, que tamén poden solicitar os concellos ata o próximo 6 de febreiro. Deste xeito, o departamento autonómico realiza este ano un investimento de máis de medio millón de euros para favorecer a actualización das coleccións da Rede de Bibliotecas Públicas, co fin de lles dar resposta ás necesidades dos seus usuarios e usuarias e de garantir uns servizos de calidade.