Nova: A cultura galega reforza a súa difusión exterior a través do Cervantes

18/01/2017

A cultura galega reforza a súa difusión exterior a través do Cervantes

A Consellería de Cultura e Educación e o instituto colaboran para levar a Toquio e a París a exposición 'José Suárez. Uns ollos vivos que pesan'

Nunha xuntanza entre representantes das dúas institucións, a Xunta de Galicia tamén propuxo levar a celebración das Letras Galegas a Madrid, cunha homenaxe a Carlos Casares

  • Román Rodríguez reuniuse hoxe co secretario desta institución, así como co secretario de Estado de Cultura Román Rodríguez reuniuse hoxe co secretario desta institución, así como co secretario de Estado de Cultura
  • Román Rodríguez reuniuse hoxe co secretario desta institución, así como co secretario de Estado de Cultura Román Rodríguez reuniuse hoxe co secretario desta institución, así como co secretario de Estado de Cultura

Santiago, 18 de xaneiro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse co secretario xeral do Instituto Cervantes, Rafael Rodríguez-Ponga un encontro no que lle propuxo a celebración dun acto de homenaxe en Madrid á figura de Carlos Casares, coincidindo co ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas. O obxectivo do departamento de Cultura da Xunta de Galicia é implicar neste acto, ademais de ao IC, á Real Academia Española, dada a importante relación que o autor tivo co actividade literaria nacional. A fundación que leva o nome do escritor, como non podería ser doutro xeito, sería tamén convidada a ser partícipe deste evento.

Durante o encontro, celebrado na sede madrileña do Instituto, o conselleiro e o secretario xeral afondaron tamén no desenvolvemento das liñas de actuación comprendidas no convenio asinado o pasado 7 de setembro entre ambas as partes, segundo o cal o Instituto Cervantes programará e realizará, en función da demanda existente, cursos de lingua e/ou cultura galega nos centros dependentes del, así como nas cidades nas que se radiquen lectorados de lingua, cultura e literatura galega dependentes da Rede de Centros de Estudos da Xunta de Galicia. A idea é consolidar os cursos en Pequín, Toquio e Berlín.

José Suárez no IC

No encontro, no que tamén participou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, abordouse tamén a posibilidade de levar a exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, da Cidade da Cultura de Galicia, a distintos centros do IC en Europa e Asia. Neste momento xa está pechada a exhibición da mostra nos centros do IC en París (Francia) e Toquio (Xapón), e estase plantexando tamén a posibilidade de que se amose en Nova Delhi (A India).

Equipamentos e eventos culturais

No caso da reunión co secretario de Estado de Cultura, Fernando Benzo, tivo por obxecto abordar a posibilidade de que o Ministerio participase en diferentes investimentos en equipamentos culturais na nosa Comunidade, que se irán concretando nos próximos meses.

Ademais, o conselleiro solicitoulle ao secretario de Estado a participación do seu departamento no ‘Conecta fiction’, mercado internacional de televisión que se celebrará en Santiago de Compostela do 21 ao 23 de xuño deste ano. Cofinanciado pola Xunta, o ICEX e a SGAE, Román Rodríguez transmitiulle a importancia da participación económica e organizativa da Secretaría de Estado neste evento.

Así mesmo, abordouse a posibilidade de que o Ministerio colabore na organización do Festival ‘Escenas de Cambio’, liderado pola Cidade da Cultura de Galicia, e que constitúe un ambicioso proxecto de danza, artes escénicas e creación contemporánea.

Comparte