Nova: Ampla e diversa oferta expositiva en agosto na capital de Galicia
04/08/2014
Ampla e diversa oferta expositiva en agosto na capital de Galicia
O CGAC, a Casa da Parra, o Museo das Peregrinacións e de Santiago e o Mupega convidan a cidadanía a visitar as súas mostras, que inclúen obras de Mark Manders, Berta Cáccamo e de grandes nomes da historia da arte
A programación que os museos xestionados pola Xunta ofrecen nas catro provincias pode consultarse en museos.xunta.es e en cultura.gal
Santiago, 4 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia ofrece durante todo o mes de agosto unha completa oferta expositiva na capital de Galicia a través do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), do Museo Centro Gaiás, do Museo das Peregrinacións e de Santiago, da Casa da Parra e do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), coa que convida a cidadanía a se achegar á arte durante o período estival.
Unha das propostas é a exposición Mark Manders. Curculio Bassos, que se pode visitar no CGAC, cun dos artistas internacionais máis relevantes das dúas últimas décadas e autor dun dos corpus de traballo máis persoais de cantos poden verse no concerto internacional. Esta intervención de Mark Manders, que conta co apoio da Mondriaan Fonds, constitúe a primeira exposición individual en España do artista holandés.
Curculio Bassos, que comprende unha recreación do estudio do artista na cidade belga de Ronse, reúne traballos realizados en todas as etapas da traxectoria do artista e inclúe obras procedentes de museos como o Stedelijk Museum de Ámsterdam, o S.M.A.K de Gante, La Kunsthaus de Zúrich ou a colección Rabobank, ademais doutras procedentes de coleccións privadas. Para esta cita, o artista revisou algúns dos seus traballos anteriores e adaptounos ao propio espazo do CGAC.
Últimos traballos de Berta Cáccamo
Na Cada da Parra pode visitarse Verquidos, da artista galega Berta Álvarez Cáccamo. Comisariada por Miguel Mont, a exposición está conformada por 60 pezas da obra realizada pola artista viguesa nos últimos dez anos, unha etapa na que explorou a relación entre o debuxo e a pintura, entre a dimensión xestual e os distintos tempos e temporalidades de aplicación.
Vinte das pezas están realizadas con técnica mixta e acrílicos sobre lenzos e proveñen de coleccións públicas como a Fundación Aena, a Deputación da Coruña ou a Fundación Abanca; mentres que as corenta restantes correspóndese con series de debuxos sobre papel. Para completar, Berta Álvarez Cáccamo levou a cabo unha intervención mural nos espazos da Casa da Parra.
Achegamento á auga a través da arte
Tamén na capital de Galicia, a Consellería de Cultura e Educación propón unha oportunidade única para contemplar obras de grandes nomes da historia da arte a través da exposición Auga Doce do Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, formada por 700 obras nas que os mestres da arte lle renden homenaxe a este elemento clave da identidade galega. Pinturas, esculturas, fotografías, vídeos, instalacións, enxeños científicos ou pezas etnográficas mergullan o visitante nunha intensa experiencia estética, que se pode visitar na Cidade da Cultura ata o vindeiro 14 de setembro.
Na rúa San Miguel, o Museo das Peregrinacións e de Santiago tende pontes co exterior coa exposición Iconas rusas, presentación dunha colección, un proxecto que inclúe unha selección de máis de 40 pezas de gran valor histórico e artístico procedentes da colección de 263 iconas rusas, datadas entre os séculos XV e XX, que lle foron cedidas ao museo por un coleccionista particular para a súa custodia e exhibición pública.
Ademais, no Mupega pode verse a mostra 1970-1990. Aquel tempo da EXG, con materiais que pretenden achegarlle ao espectador as novidades educativas propiciadas pola aplicación da coñecida como Lei Villar Palasí. Novo curriculo, novos centros, novos espazos, novo profesorado etc. foron algunhas das novidades que viron a luz nos anos setenta e oitenta.Pero, en lugar destacado, aparece unha coidada e completa aula de EXB, sen dúbida a verdadeira xoia daquela reforma educativa. Lapis Alpino, pinturas Carioca, serras de marquetería para facer requintados traballos manuais, bolígrafos BIC, pegamento Imedio ou gomas Pelikan para lapis e bolígrafo son parte do instrumental mítico que se inclúe nesta mostra.
Propostas expositivas en toda Galicia
Esta programación expositiva da Consellería de Cultura e Educación na cidade de Santiago de Compostela complétase con exposicións en toda Galicia a través dos museos de Belas Artes da Coruña, do Arqueolóxico Provincial de Ourense, do Mar de Galicia, do Castro de Viladonga, dos parques arqueolóxicos de San Cibrao de Las e de Campo Lameiro, do Museo Massó de Bueu, do Museo Etnolóxico de Ribadavia e da Casa-Museo Camilo José Cela, en Padrón.
A programación expositiva da Consellería de Cultura e Educación nas catro provincias pode consultarse na rede a través da nova páxina de Museos de Galicia, en museos.xunta.es, e tamén na axenda de cultura.gal.