Nova: A Xunta impulsará a cultura galega a través dunha estratexia integral con horizonte en 2021

26/01/2017

A Xunta impulsará a cultura galega a través dunha estratexia integral con horizonte en 2021

O Consello da Xunta analizou o informe sobre a que será a folla de ruta para fixar obxectivos, liñas estratéxicas e medidas concretas

Trátase da primeira estratexia destas características para a Cultura galega que elabora un goberno da Xunta

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria elaborará ao longo deste ano 2017 a ‘Estratexia da Cultura Galega 2021’, unha folla de ruta que servirá para analizar a situación actual do sector, fixar obxectivos e definir liñas e medidas concretas para acadalos. Trátase da primeira estratexia destas características para a Cultura galega que elabora un goberno da Xunta.

O plan tomará como eixes sectoriais os diferentes sectores da cultura galega, nomeadamente o editorial, as letras, o audiovisual, o musical, ás artes escénicas, as artes visuais, o patrimonio cultural e as institucións da cultura (bibliotecas, arquivos e museos). Ademais, teranse en conta como eixes transversais factores como a inclusión cultural, o mundo dixital, o financiamento e gobernanza, a internacionalización e proxección exterior, o papel da cultura na educación, a innovación e tecnoloxía, o turismo cultura, o protagonismo das mulleres no sector e máis o papel da Cidade da Cultura de Galicia.

O documento centrarase en garantir a máxima difusión da actividade cultural de base en todo o territorio de Galicia e entre toda a cidadanía, ademais de asentar un tecido social e empresarial neste ámbito. Estes dous grandes obxectivos servirán para enmarcar as prioridades e os proxectos estratéxicos na acción cultural pública no horizontes de 2021, propoñendo procesos de colaboración entre todos os operadores e sectores culturais e concretando as estratexias de cooperación entre administración e entidades culturais.

Non en balde, a estratexia será froito dunha reflexión compartida e dialogada na que se solicitará a colaboración e participación de todos os axentes implicados, incluídas as diferentes administración. Así mesmo, o texto será sometido a un proceso de exposición pública que permita a súa revisión e recepción de alegacións e comentarios para a súa mellora.

Fases

O Consello da Xunta analizou hoxe un informe no que se dá conta das diferentes fases para a elaboración, ao longo deste ano, desta planificación. O primeiro paso consistirá na análise interna e externa, co fin de dispoñer dunha información ampla, contrastada e fiable da situación da cultura en Galicia, o seu contexto de produción e visión histórica. A partires dela, identificaranse as debilidades e fortalezas, así como os elementos contextuais e estratéxicos que configuran o sector e que deben ser considerados á hora de formular liñas de acción.

A segunda das fases centrarase en producir unha reflexión compartida sobre a visión e misión, os retos e os obxectivos estratéxicos da cultura galega; mentres que a terceira será para identificar os eixos e liñas que sinalen as prioridades da acción en política cultural nos devanditos eixos sectoriais e transversais.

Finalmente, a elaboración do documento concretarase na redacción das medidas e dos plans de acción, así como na proposición dun cronograma de actuacións secuenciadas ata 2021. Ademais, o texto incluirá unha aproximación orzamentaria e unha proposta de mecanismos de avaliación e seguimento das actuacións que se desenvolvan.

Comparte